A exposición de Peter Ginter sobre o gran acelerador de partículas LHC chega a Santiago
O fotógrafo alemán Peter Ginter recrea a través de 56 imaxes a construción do gran colisionador de hadróns LHC e os seus catro detectores na exposición fotográfica ‘O CERN a través dos ollos dun artista’ que chega este xoves a Santiago logo de percorrer xa catro cidades españolas da man do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear, xestionado polo Consello Superior de Investigacións Científicas.
A mostra, que se poderá visitar no Paseo da Alameda de Santiago ata o 25 de novembro en horario continuado (con visitas guiadas de 16.00 a 18.00 horas), está dirixida tanto a un público xeral como especializado e pretende acercar aos cidadáns este proxecto, un fito histórico no ámbito da física de partículas.
A presentación oficial terá lugar este xoves 12, ás 11:30 horas na Alameda, nun acto no que participarán o vicerreitor de Economía, Financiamento e Infraestruturas, Miguel Vázquez Taín; o director do IGFAE, José Luis Miramontes, a concelleira de Educación de Santiago, Mercedes Rosón; e a decana da Facultade de Física da USC, Ángeles López Agüera.
Conferencias paralelasA exposición complementarase con dúas conferencias. A primeira será o mesmo xoves 12, coa intervención de Michelangelo Mangano, membro permanente da unidade de Física Teórica do CERN, sobre a procura das leis últimas da Natureza. Xa o 20 de novembro Michel Spiro, director do Institut National de Physique Nucléaire et de Physique des Particules e delegado de Francia no CERN, falará das partículas e o universo. As dúas charlas terán lugar ás 20:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.
O LHCO LHC, o acelerador de partículas máis grande e potente que existe no mundo, sitúase na fronteira franco-suiza, nas instalacións do Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN), institución que organizou a exposición á beira do lago de Xenebra o ano pasado. A máquina, que poderá acelerar protóns ata velocidades próximas á da luz, ofrecerá nova información sobre a comprensión da natureza e orixe do Universo e axudará a desvelar os grandes enigmas aínda por resolver da física moderna. O LHC poderá recrear as condicións que tiña o universo primitivo unha fracción de segundo despois do Big-Bang como nunca antes se lograra.