Ir o contido principal

A exposición de Peter Ginter sobre o gran acelerador de partículas LHC pode visitarse na Alameda de Santiago ata o día 25

José Luis Miramontes, director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC (IGFAE) e Guadalupe Rodríguez, concelleira delegada de Participación Cidadá de Santiago, no acto de inauguración...
José Luis Miramontes, director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC (IGFAE) e Guadalupe Rodríguez, concelleira delegada de Participación Cidadá de Santiago, no acto de inauguración...

O fotógrafo alemán Peter Ginter recrea a través de 56 imaxes a construción do gran colisionador de hadróns LHC e os seus catro detectores na exposición fotográfica ‘O CERN a través dos ollos dun artista’ que chega a Santiago logo de percorrer catro cidades españolas da man do Centro Nacional de Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear, xestionado polo Consello Superior de Investigacións Científicas.

A mostra enmárcase na Semana da Ciencia 2009 e conta con financiamento da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta de Galicia, da Fundación BBVA e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), e a colaboración da USC e o Concello de Santiago. Poderá visitarse no Paseo da Alameda de Santiago ata o 25 de novembro en horario continuado (con visitas guiadas de 16.00 a 18.00 horas), está dirixida tanto a un público xeral como especializado e pretende acercar aos cidadáns este proxecto, un fito histórico no ámbito da física de partículas.

En Galicia, a organización corre a cargo do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC (IGFAE), que dá cabida a todos o grupos galegos dedicados á Física de Partículas, Nuclear e Astro-partículas e está incluído dentro dos institutos do recentemente aprobado Campus Vida da USC. Na presentación oficial que se fixo este xoves, participaron o director deste Instituto, José Luis Miramontes, e a concelleira delegada de Participación Cidadá de Santiago, Guadalupe Rodríguez, xunto cun nutrido grupo de profesores da Facultade de Física.

Conferencias paralelasA exposición compleméntase con dúas conferencias. A primeira o propio xoves 12, coa intervención de Michelangelo Mangano, membro permanente da unidade de Física Teórica do CERN, sobre a procura das leis últimas da Natureza. Xa o 20 de novembro Michel Spiro, director do Institut National de Physique Nucléaire et de Physique des Particules e delegado de Francia no CERN, falará das partículas e o universo. As dúas charlas será ás 20:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.
O LHCO LHC, o acelerador de partículas máis grande e potente que existe no mundo, sitúase na fronteira franco-suiza, nas instalacións do Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN), institución que organizou a exposición á beira do lago de Xenebra o ano pasado. A máquina, que poderá acelerar protóns ata velocidades próximas á da luz, ofrecerá nova información sobre a comprensión da natureza e orixe do Universo e axudará a desvelar os grandes enigmas aínda por resolver da física moderna. O LHC poderá recrear as condicións que tiña o universo primitivo unha fracción de segundo despois do Big-Bang como nunca antes se lograra.
Españois no CERNNumerosos grupos españois de diferentes universidades e centros de investigación participan, con inversión de esforzos científico-tecnolóxicos e económicos, no proxecto LHC. O proxecto Consolider-Ingenio 2010 CPAN, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e xestionado polo CSIC, agrupa á comunidade científica española imbricada no gran acelerador. Nel participan 26 institucións de toda a xeografía española. O CPAN permitirá a necesaria coordinación de esforzos, recursos humanos e infraestruturas para asegurar o éxito da participación española no LHC.

Máis información en: http://www.i-cpan.es/ginter/ e http://igfae.usc.es/

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2009.