A exposición ‘O universo musical de Andrés Gaos (1874 – 1959)’ bota a andar este xoves na Coruña

O reitor Antonio López e o presidente de Afundación Miguel Ángel Escotet inaugurarán este xoves, na Sede Afundación da Coruña, ás 18.30 horas, a exposición ‘O universo musical de Andrés Gaos (1874 – 1959)’, un percorrido pola vida e a obra do recoñecido compositor galego con motivo do denominado ‘Ano Gaos’ no que se cumpren 60 anos do seu falecemento. Na apertura da mostra tomarán parte Montserrat Capeláns e Javier Garbayo, profesores da USC e comisarios da exposición.
A mostra poderase visitar ata o vindeiro 14 de decembro na Sede Afundación da Coruña (Cantón Grande, 8), de luns a venres en horario de 17.00 a 21.00 horas e os sábados e festivos de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Afundación tamén organizou unha programación de visitas guiadas, concretamente o 17 de outubro cos dous comisarios da mostra; o 14 de novembro con Javier Garbayo; e o 12 de decembro cos dous comisarios de novo. Todas elas serán ás 19.00 horas e con entrada gratuíta, previa inscrición no 981 185 060, no correo areaeducativacoruna [at] afundacion.org (areaeducativacoruna[at]afundacion[dot]org) ou na recepción da sede.
A exposición está conformada polo legado do compositor conservado no Fondo Gaos, recentemente doado polo seu fillo á Universidade de Santiago de Compostela. Está estruturada en seccións temáticas que amosan as súas relacións familiares, a súa época, a súa faceta como intérprete, compositor e director ou a súa relación con Arxentina e con Galicia. Tamén se expoñen os violíns que se conservan de Gaos, dous deles procedentes do fondo da USC, un dos cales foi restaurado recentemente, e outros dous cedidos polo Concello da Coruña. Xunto a eles pódese gozar de documentación como programas, cartas, fotografías, críticas, partituras e demais documentación persoal.