Ir o contido principal

Tres exposicións abordan dende diferentes ópticas o 30 aniversario da caída do Muro de Berlín

Cartel da mesa redonda
Cartel da mesa redonda
O ciclo de actividades complétase cun debate sobre o filme Berlin is in Germany o mércores 30 de outubro ás 18.30 horas na Facultade de Filoloxía

O ciclo ‘Aos 30 anos da caída do muro de Berlín: Historia e memoria’ impulsa tres exposicións que serán inauguradas este luns 28 de outubro, a partir das 19.00, no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía. As mostras abordarán este aniversario dende diferentes ópticas entre o 28 de outubro e o 22 de novembro.

A Facultade de Filoloxía acolle a exposición interactiva ‘O Muro’, espazo aberto, tal e como afirman dende a organización, para a creatividade e o intercambio de opinións en liberade, así como para o contraste de perspectivas sobre cuestións que non só atinxiron a Alemaña e Europa no pasado, senón que seguen a ser de actualidade.

Coa colaboración da Fundación para o Traballo Crítico coa Memoria (Stiftung Aufarbeitung), o xornal Bild e máis o semanario Die Welt, a mostra ‘O muro: unha fronteira a través da Alemaña’ ofrece un percorrido histórico polas orixes da Guerra Fría, a división de Europa, a construción do muro de Berlín e a evolución da vida cotiá e dos intercambios entre as dúas Alemañas até o 9 de novembro de 1989, así como sobre a súas consecuencias e memoria. A mostra pode visitarse nas Facultades de Filoloxía, Ciencias Políticas e Sociais, e Humanidades en Lugo.

A Facultade de Ciencias da Comunicación é o espazo elixido para a mostra ‘A simple vista. Berlín, 30 anos despois’, integrada por fotografías realizadas polo colectivo compostelán Área3 no ano 2017 e enmarcadas no que se coñece como foto de rúa. Non pretenden ser un documento histórico, afirman dende a organización, senón que son o resultado dunha simple ollada sobre Berlín trinta anos despois da caída do muro. “Unha ollada fugaz, curiosa e sincera sobre unha cidade que, por atoparse tantas veces nunha encrucillada da historia, se acha nun continuo devir, reinventándose arreo. As fotos recollen recantos, instantes, actitudes, xestos, olladas de xente que vive (e deixa vivir) en Berlín. Se as imaxes teñen un denominador común, non é outro que pór de manifesto que os muros só serven para unha cousa: para seren derrubados”, subliñan. O colectivo Área3 está integrado por Carmen Cunqueiro Suárez, José Manuel Pérez Pena, Carmen Torres Maroño e Javier Ventosa Rial.

Mesa redonda

As exposicións coinciden no tempo cun ciclo de cine conformado por filmes centrados na temática do aniversario. O mércores 30, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía, ás 18.30 horas, proxectarase o filme Berlin is in Germany, tralo cal terá lugar unha mesa redonda na que tomarán parte os profesores da USC Xosé Nogueira e Xosé M. Núñez Seixas, xunto a José M. Faraldo da Universidade Complutense de Madrid e unha testemuña dos feitos. O debate será moderado polo profesor da USC Jaime Feijoo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.12.2019.