Ir o contido principal

Exposicións, conferencias, proxeccións de filmes e concertos nas segundas Xornadas da Francofonía

O Departamento de Filoloxía Francesa e Italiana e o Centro de Linguas Modernas da USC, a Escola Oficial de Idiomas de Santiago, a Alliance Française e a Asociación de Profesores de Francés de Galicia organizan a vindeira semana a segunda edición das Xornadas de Francofonía, que inclúen numerosas actividades por toda a cidade.
Así, o luns 23, ás 19:30 horas terá lugar na Facultade de Filosofía (Praza de Mazarelos) o acto de apertura das xornadas e a inauguración da exposición ‘O cómic francófono e a súa influencia en España’. A continuación Carlos Portela, guionista de cómic, cine e televisión, pronunciará a conferencia ‘De Tintín a Persépolis, historia e influencia da BD francesa no cómic español’.
As actividades do martes celebraranse na Aula de Cultura de Caixa Galicia (Carreira do Conde) coa proxección, ás 12:00 horas, do filme de Paul Grimault ‘Le roi et l’oiseau’, e ás 20:00 horas da cinta de Jacques-Rémy Girerd ‘La prophétie des grenouilles’. Estes filmes proxectaranse novamente o mércores co horario inverso.
Xa o xoves 26 na Igrexa da Universidade, e logo da clausura das xornadas ás 20:00 horas, o grupo parisino Ignatus ofrecerá un concerto de performance pop.
Na organización destas segundas Xornadas de Francofonía colaboran a Vicerreitoría de Cutlura da USC, o Concello de Santiago e a Concellaría de Cultura.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.04.2007.