Ir o contido principal

O Facom Fest selecciona 29 pezas para a súa sección competitiva das 69 recibidas

Facultade de Comunicación. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Comunicación. FOTO: Santi Alvite
Outras oito pezas integran a sección non competitiva deste festival de cine dirixido ao estudantado galego

O luns 27 de novembro comezará na Facultade de Comunicación compostelá a segunda edición do festival de cine dirixido ao estudantado galego, o Facom Fest. Recibíronse 69 inscricións, das cales foron seleccionadas 29 pezas dentro da súa Sección Competitiva e 8 na Sección Non Competitiva. Este ano, ao permitirse a participación de todo o estudantado matriculado en calquera universidade ou centro de formación galego, as pezas son de procedencias variadas e de distintos niveis formativos. Aínda que a maioría das persoas que participan pertencen a algunha das tres principais universidades galegas (USC, UVigo, UDC) tamén hai estudantes de centros como o IES Sanxillao de Lugo, o IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela ou o CIFP Audiovisual de Vigo.

Entre as obras seleccionadas, son 12 as pertencentes á categoría de Ficción, incluíndo pezas que xa tiveron presenza noutros festivais, como Tara de Rebeca Tella e Daniel Filloy (seleccionada en Curtocircuíto ou no VITAFEST de Santiago de Chile) ou Doente de Noelia Sánchez, a cal se estreou no Festival de Aranda 1503. Pola contra, dentro desta categoría hai tamén pezas que aínda non foron exhibidas e que terán a súa estrea no Facom Fest como é o caso de En el valle de la perseverancia de Isaac Gulías (traballo de final de grao do director e a directora de arte, Lucía Freire, para o Grao en Comunicación Audiovisual da UVigo) e La curiosidad mata al gato de Bernat Roqué. Completan a sección a curta de animación Illa Cordura de Mario Fernández, Excoriación de Eva Iglesias, Toxos de Jacqueline Reimúndez e Anxo Cambón, a peza interactiva El dilema de la pistola de Sira Goyanes e Raúl Cobas, Redención de María González, O Silencio de Alex Viador e a comedia de Uxía Soutullo Súper-Agobiada.

No caso da categoría de Non Ficción hai un total de nove obras: títulos galardonados noutros festivais, como Tan só o demo lembra, de Dani Iglesias ou Vulgaris, de Mario Fernández, mentres De: Mí, Para: Yo, de Jean Michel Vidal ou Película, de Alba Amoedo, terán a súa estrea nesta edición do Facom Fest.

Nesta edición, o festival implementou unha nova categoría dirixida a valorar a creatividade e traballo detrás dos videoclips. Moitas destas creacións estreáronse a través de redes sociais e plataformas, pero o Facom Fest supón o primeiro espazo público de exhibición para a maioría delas (se ben Michi & Yoshirin, de Daniel Iglesias para dalsi, foi seleccionado no Festival de Cans) e presenta unha mostra da produción musical galega recente.

Estas tres categorías estarán tamén representadas na sección Non Competitiva. Ás obras xa anunciadas de Lucía Estévez, Helena González, Paula Fuentes ou Iago Vilarinho, convidadas polo equipo de programación do festival, súmanse agora diferentes pezas fóra de competición. Concretamente, obras de ficción como Señora, por favor (dirixida por María Alonso e Alma Aragón e producida por Amazon Prime Video tras gañar o concurso de guión CIMA 10); de non ficción como O rizo de Xoán Bregua (que recibiu o Segundo Premio Fas Muvis dentro do OUFF) e videoclips como Todas somos Agustín e Pobos, elaborados no IES Santiago Basanta Silva.

As proxeccións destas diferentes seccións serán nas tardes do luns 27 ao 30 de novembro e súmanse así a un elaborado programa de actividades que acolle a Facultade de Ciencias de Comunicación da USC excepto o martes, día no que o Facom Fest se traslada á Facultade de Filosofía. As citadas actividades inclúen un obradoiro de cianotipia (proceso fotográfico de estampación que da como resultado imaxes cun ton azul cian) impartido por Manolo Fidalgo, técnico da Facultade de Ciencias da Comunicación en colaboración co Club de Fotografía; ou charlas con profesionais do sector como Lucía Piñeiro, cofundadora da Asociación Memoria e Cinema e codirectora da curtametraxe Mariví, Na Pel da Memoria; Julio Vilariño, integrante do Cineclube de Compostela;  María Soliña Barreiro, docente na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; María Yañez, editora e produtora de medios dixitais, David Fidalgo, animador e director da curta nominada ao Goya por Homomaquia e laureado por Sandwich Cat co Mestre Mateo; e Adrián Canoura, responsable dos videoclips de Baiuca entre outros, e cineasta con obras como Caerán lóstregos do ceo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.11.2023.