A Facultade de ADE aborda nunha xornada o delito fiscal e o branqueo de capitais na actual conxuntura económica
A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo celebrará o vindeiro xoves, día 27 de febreiro, as xornadas ‘O delito fiscal e o branqueo de capitais na actual conxuntura económica’, na que distintos relatores abordarán algúns dos aspectos máis importantes contra a Facenda Pública e o branqueo de capitais, así como as recentes reformas normativas nesta materia e as dificultades derivadas da súa aplicación e posta en práctica.
Estas xornadas, organizadas pola Facultade de ADE en colaboración co profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC Luis Francisco Lage de la Fuente, desenvolveranse en quenda de tarde e están encadradas no abano de actividades promovidas para favorecer o achegamento da facultade luguesa á realidade económica actual co obxectivo de mellorar así a formación dos futuros graduados en Administración e Dirección de Empresas. O programa da desta sesión inclúe como relatores a maxistrada e titular do xulgado de instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara Cifuentes; a xefa da unidade de vixilancia aduaneira da AEAT de Lugo, Noemí Torrente Casal; o economista, empresario e asesor fiscal Severino Fernández Cascudo; a inspectora de Facenda Gloria Blanco Fernández, así como a Luis Francisco Lage de la Fuente, inspector de Facenda e profesor da USC. Esta actividade, dirixida especialmente ao estudantado da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, pero tamén aberta á participación do público interesado, estará estruturado en cinco relatorios sobre outros tantos temas específicos.