A Facultade de ADE acollerá o 13 de febreiro a xornada ‘Véndete’, de motivación para a busca activa de emprego
A Área de Orientación e Formación Laboral do campus de Lugo celebrará o vindeiro 13 de febreiro, no salón de graos da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo a xornada de autocoñecemento e motivación para a busca activa de emprego ‘Véndete’.
O formador, coach e instrutor de Firewalking, Felipe García Rey, será o encargado de conducir esta sesión, na que dará a coñecer algunhas das pautas para proceder á busca activa de emprego neste momento de crise económica e cun mercado laboral que atravesa por unha situación crítica. A asistencia á charla, que se desenvolverá en horario de 10.30 a 13.30 horas, é gratuíta. Os membros da comunidade universitaria interesados en participar, tanto estudantes como titulados, deberán formalizar a súa inscrición ata o 12 de febreiro na Área de Orientación e Inserción Laboral do campus de Lugo ou a través do enderezo electrónico emprego.lugo [at] usc.es (emprego[dot]lugo[at]usc[dot]es), no que deben achegar os datos persoais, ademais da titulación que estudan ou o título que posúen.