A Facultade de ADE acollerá este mes o ciclo de orientación profesional ‘Empréga-T. O teu Futuro en 3TS’
A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo acubillará ao longo do mes de abril un ciclo de seminarios de orientación laboral ‘Empréga-T. O teu Futuro en 3TS’, un programa desenvolvido e financiado pola Cátedra Bancaja de Mozos Emprendedores da USC, que contempla a celebración de tres sesións presenciais os días 4, 11 e 18 de abril.
O obxectivo destes seminarios é o de ofrecer aos estudantes algunhas claves acerca das competencias máis demandadas polas empresas, ademais de transmitirlles os coñecementos e as habilidades precisas para integralas no seu currículo, preparándoos para afrontar nas mellores condicións, a súa entrada ao mundo profesional. Este proceso de inserción antóllase se cabe máis complicado por mor da actual situación do mercado laboral, que impón novas condicións aos futuros titulados universitarios á hora de enfrontarse ao proceso de buscar emprego. O programa de orientación profesional desenvolvido pola Cátedra Bancaja de Mozos Emprendedores da USC vai dirixido fundamentalmente a estudantes de másteres e de último curso da licenciatura ou do grao en ADE e está estruturado en tres sesións: ‘Lánza-T’, ‘Conóce-T’ e ‘Posicióna-T’. O relatorio previsto para o xoves 4 de abril, que do mesmo xeito que os programados para os días 11 e 18 deste mes, terá lugar no salón de graos da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo, será impartido por María Bobillo, de ADNideas. No transcurso deste taller, limitado a un máximo de 40 persoas, a relatora abordará cuestións como o poder da iniciativa, o medo ao fracaso ou os talentos persoais, a fin de estudar alternativas á elevada taxa de desemprego xuvenil. Os perfís das competencias profesionais e a superación dos filtros iniciais establecidos polas empresas de selección e departamentos de Recursos Humanos serán outros dos temas abordados nas sesións ‘Coñéce-T’ e ‘Posicióna-T’, que serán impartidos por Avelino Cerdeira, da Escola de Negocios de NGC, e Alberto Fernández, de EGA Consultores. Os interesados en participar nestes seminarios de orientación profesional promovidos pola Cátedra Bancaja de Mozos Emprendedores da USC poden formalizar xa a súa inscrición a través da web www.usc.es/empresas. A matrícula é de balde e o aforo limítase a un máximo de 40 prazas.