Ir o contido principal

A Facultade de ADE celebra este venres 31 o acto de graduación da décimo sétima promoción de licenciados

O director financeiro de Ingapan, Juan Pillado Mariña, que actuará como padriño dos futuros titulados, ofrecerá un relatorio

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo acollerá este venres 31 de maio, a partir das 19.00 horas, o acto de graduación da décimo sétima promoción de licenciados formados no centro.

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, presidirá esta cerimonia académica na Aula Magna da facultade luguesa, o mesmo escenario onde se fará entrega dos diplomas aos 25 universitarios/as que están a piques de rematar os estudos de licenciatura en Administración e Dirección de Empresas. A decana da Facultade de Ade do campus lugués, Begoña Barreiro, tamén fará uso da palabra neste acto de homenaxe e despedida dos futuros licenciados, no que tamén intervirá o Secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Díez de Castro, así como o decano do Colexio Oficial de Economistas de Lugo, Salustiano Velo Sabín. O alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, e o deputado provincial de Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos Ramos, son outras das autoridades políticas que participarán neste acto de graduación da 17 promoción de licenciados/as da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo, que estará apadriñada polo director financeiro da empresa Ingapan, Juan Pillado Mariña, quen tamén ofrecerá un relatorio no marco desta celebración.

As intervencións de Lara María Montes Losada e Silvia Teixeira Fernández, nomeadas en representación dos/as futuros/as licenciados/as, e a entrega da distinción coa que se recoñece a Cristina García Conde como mellor expediente da promoción de licenciatura egresada da facultade luguesa o pasado curso 2011-12, completan o programa desta cerimonia académica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.05.2013.