A Facultade de ADE fomenta a inclusión laboral de persoas con discapacidade intelectual co proxecto Troya
A Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC impulsa a formación en competencias e habilidades empresariais a persoas usuarias da Asociación Síndrome de Down Lugo con discapacidade intelectual, a través do proxecto Troya, unha iniciativa que conta con apoio financeiro da Deputación Provincial de Lugo e a través da que se pretende que o mercado de traballo deixe de ser un espazo excluínte para as persoas con discapacidade, a fin de que este colectivo poida participar en todos os ámbitos da vida en igualdade de condicións.
O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, presentou este martes na Facultade de Administración e Dirección de Empresas o novo proxecto social promovido en colaboración co Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU) a través da Oficina de Voluntariado do Campus de Lugo e no que participarán oito persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual da Asociación Síndrome de Down Lugo. A presidenta desta entidade luguesa, María José Blanco Freire, e o deputado provincial delegado da área de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, así como o decano da Facultade de ADE, Roberto Bande Ramudo, tamén interviñeron como relatores na sesión de presentación do proxecto Troya, cuxas dez sesións formativas presenciais se desenvolverán todos os mércores desde o 19 de outubro ata finais de decembro na Facultade de ADE.
A inserción e integración laboral das persoas con discapacidade intelectual é o obxectivo principal do proxecto Troya, segundo salienta a profesora da USC e coordinadora deste proxecto, Ángeles López Cabarcos. Daquela, engade, a través deste curso para o desenvolvemento de habilidades buscamos mellorar a empregabilidade deste colectivo, ademais de traballar de xeito transversal outros obxectivos, tales como a mellora da autoestima, a aprendizaxe de competencias no uso e manexo de novas tecnoloxías e mesmo a adquisición de habilidades sociais. Deste xeito, a asistencia a clase antóllase como unha primeira parte do compromiso e do traballo a realizar polos usuarios da Asociación Síndrome de Down Lugo, que tamén deberán manter un contacto cos estudantes da Facultade de ADE que actuarán como mentores, establecer rutinas de estudo, relacionarse en novos ámbitos ou, entre outros, utilizar o transporte urbano.
O alumnado voluntario mentor facilitará apoio individualizado para un mellor aproveitamento do curso. A súa función será a de acompañar ao alumno/a no seu proceso de aprendizaxe, servindo de guía na resolución de dúbidas. Asemade, o estudantado implicado no proxecto Troya en calidade de mentor poderá optar ao recoñecemento de 2 créditos optativos sempre e cando teña acreditada a realización dos módulos de formación básica de voluntariado e 50 horas de colaboración como mentor/a no Proxecto Troya.
Formación para a integración
A sesión de presentación do proxecto Troya serviu asemade para facer fincapé en que a formación, a cualificación profesional e as competencias a nivel tecnolóxico son factores a ter en conta para garantir as posibilidades de adaptación e integración das persoas con discapacidade no sempre cambiante entorno laboral. A esta realidade, cómpre engadir que a maioría das persoas con discapacidade intelectual carece de estudos superiores e, en consecuencia, deste tipo de capacitación, o que se traduce en menos oportunidades de emprego, sinalaron, ao tempo que reiteraron que o traballo é tamén un dereito para as persoas con discapacidade e normaliza a súa participación na sociedade.