A Facultade de ADE de Lugo organiza unha campaña de recollida de alimentos para familias necesitadas
O decanato da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo puxo en marcha a campaña ‘ADE Solidaria’, a través da cal se recollerán alimentos de primeira necesidade para as familias necesitadas da capital lucense, ás que se lles farán chegar a través do Banco de Alimentos da cidade. Ata o mércores 19 situaranse na entrada do centro unha serie de caixóns para depositar neles os alimentos. “Os responsables do Banco de Alimentos indicáronnos que os produtos de maior interese son arroz, fariña e aceite de xirasol, aínda que calquera outro alimento non perecedoiro será tamén benvido”, indica Begoña Barreiro, decana da Facultade de ADE de Lugo. O propio día 19 faráselle entrega ao Banco de alimentos de Lugo dos produtos recollidos, para que os distribúa segundo as necesidades detectadas deste a entidade. A iniciativa, aínda que dirixida especialmente aos estudantes, docentes e PAS do centro, está aberta á participación de todos os membros da comunidade universitaria, ou a calquera outro cidadán de Lugo que queira colaborar coa iniciativa. Segundo afirma Begoña Barreiro, “o noso obxectivo é reunir en torno a 600 ou 700 quilos de axuda, tendo en conta que ese é o número de persoas que forman parte do noso centro, e ás que a súa achega non lles supoñería máis ca un mínimo gasto”. A decana da facultade de ADE de Lugo explica que está é “a primeira dunha serie de iniciativas que se irán poñendo en marcha ao longo do curso desde o noso centro, co obxectivo de paliar na medida das nosas posibilidades os efectos da situación económica pola que estamos a atravesar, e á que non queremos permanecer indiferentes desde a comunidade universitaria”.