A Facultade de ADE de Lugo organiza unha xornada dirixida a emprendedores no sector agroalimentario
A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo desenvolve o venres, 9 de marzo, unha xornada dirixida a estudantes, empresarios e emprendedores interesados en poñer en marcha unha iniciativa empresarial dentro do sector agroalimentario. Os organizadores destacan a importancia do emprendemento como unha das “principais opcións para os titulados universitarios á hora de decidir o seu futuro laboral”, sobre todo “nun ámbito fundamental para a economía galega como é o da agroalimentación”. O encontro quere mostrar a importancia que ten a integración da cultura emprendedora dentro da educación superior, apoiar as iniciativas dos estudantes universitarios e amosar exemplos “ exitosos e de calidade” de emprendemento dentro deste sector”. A xornada complétase cun xantar de traballo e unha visita ao viveiro de empresas da Fundación CEL (Confederación de Empresarios de Lugo). A inscrición no curso é gratuíta e pode realizarse ata o mércores, 7 de marzo.