A Facultade de ADE mellora a inserción laboral dos estudantes cun programa de prácticas externas nos meses de xuño e xullo
A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo mellora a inserción laboral dos seus futuros graduados en ADE con programa de prácticas externas, que permite ás persoas que o solicitan ampliar os seus coñecementos e acadar unha primeira experiencia laboral a través dun plan de formación práctica, cunha duración de 150 horas, en máis de 70 empresas e institucións públicas e privadas.
O programa estival de prácticas externas promovido pola Facultade de ADE e dirixido a estudantes de terceiro e cuarto curso de grao, que poden completar estas sesións prácticas durante os meses de xuño e xullo, conta nesta segunda edición cun total de 40 alumnos/as participantes, cuxo traballo será supervisado por un titor/a da empresa de destino, así como por outro/a titor do propio centro universitario. Os/as estudantes que completan esta estadía de prácticas laborais en empresas externas e teñen unha avaliación positiva por parte dos seus respectivos titores/as poden solicitar logo á USC o recoñecemento de ata seis créditos ECTS de libre configuración. O perfil da actividade desenvolvida polas empresas e institucións adheridas a este programa de formación práctica impulsado pola Facultade de ADE é moi diverso. De feito, entra as firmas e entidades participantes hai asesorías, xestorías, oficinas contables, entidades públicas, firmas relacionadas co eido xurídico. A maioría das empresas implicadas son pemes, aínda que a boa acollida obtida no tecido empresarial por este plan de prácticas externas fai que cada vez sexan máis os negocios que amosan interese por recibir estudantes en prácticas.