Ir o contido principal

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas entrega os premios do concurso de publicidade en galego e de calidade lingüística

Carlos Herrero entrega o premio ao gañador do concurso de publicidade 'Comunicándomos'
Carlos Herrero entrega o premio ao gañador do concurso de publicidade 'Comunicándomos'
O publicista creador da campaña 'Vivamos como galegos' ofreceu unha conferencia para falar da marca país

A Aula Magna da Facultade de Administración e Dirección de Empresas foi o lugar escollido a entrega dos premios do II Concurso de Publicidade en Galego ‘Comunicándomos’, organizados pola Comisión de Normalización Lingüística desta mesma facultade.
O gañador do certame foi o grupo Azul e Verde, composto por Laura Folgueira Cedrón, María Paradela Barrera, Servando Río Rodríguez e Susana García Cao. A campaña ‘Xógate vir a Galicia’ foi premiada, por tanto, con 500 euros e diploma acreditativo. O segundo, dotado con 400 euros e diploma, foi para o grupo BATSI (formado por Belén Fernández Rodríguez, Iria García Cabana, María Sol Iglesias Salvador, Ánxela Martínez Barcia e Tatiana Núñez Rey) polo traballo ‘O mellor polbo... o de Lugo!’ O terceiro foi para o traballo ‘Estrella Galicia’, presentado por P.O.W., que corresponde á autoría de Verónica Corredoira Barreiro e Paula González Docampo, que recibiron 300 euros e un diploma.
O obxectivo deste concurso, que este ano chega á súa segunda edición, é espertar a vea artística e a creatividade dos membros da comunidade universitaria nunha actividade, a creación publicitaria, na que poden deixar bulir as ideas, poñer en práctica os coñecementos adquiridos ao longo da súa vida e transmitilas en forma de mensaxe publicitaria. Ademais, é importante que o poidan facer integrando o galego de xeito natural nunha estratexia publicitaria, amosando o coñecemento que os universitarios posúen das potencialidades da lingua galega para chegar ao corazón. De feito, o xurado valorou a capacidade expresiva, a efectividade e a orixinalidade do lema, a adecuación entre lema, soporte e obxecto de traballo e a globalidade da campaña.
Premios á calidade lingüísticaDurante este acto, fíxose entrega tamén dos premios á calidade lingüística dos traballos académicos nas diferentes facultades do Campus de Lugo. En Administración e Dirección de Empresas resultaron gañadores Lucía Candal Costa, Beatriz de Miguel Bedia, Rocío López López, Juan Francisco Martínez Ageitos e María Teresa Usó Fontestad, polo seu traballo ‘Modelo Logit: Demanda de televisión’. Este galardón está dotado con 300 euros e diploma.
Na Escola Politécnica Superior foron distinguidos pola súa calidade literaria dous traballos. O primeiro premio corresponde a Mónica Chávez Padín, estudante de Enxeñaría Agrónoma, que recibe 300 euros polo seu traballo ‘Os Tilos’. O segundo corresponde a Natalia Seco Reigosa, estudante de Enxeñaría Técnica Agrícola, cunha dotación de 200 euros e o seu diploma correspondente, polo traballo titulado ‘Estrutura e evolución económica das explotacións galegas’. Por último, na Escola de Formación do Profesorado foi premiado o traballo ’Léxico do deporte de orientación’, de Jorge Rodríguez Lariño, con 300 euros.
O acto de entrega de premios estivo presidido polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, José Díez de Castro, o representante do Servizo de Normalización Lingüística da USC Xusto Rodríguez Río e a secretaria da comisión organizadora, Paula Vázquez Rodríguez.
Os organizadores animaron aos asistentes, que encheron a Aula Magna, a participar na nova edición dos premios de publicidade correspondente ao curso 2007/2008. Así mesmo, está convocada xa unha nova edición dos Premios á calidade e excelencia lingüística dos traballos académicos, fomentando unha cultura de calidade entre o alumnado ligado ao uso do galego.
Conferencia de Miguel CondeA entrega rematou cunha conferencia a cargo de Miguel Conde Lobato, presidente executivo da compañía publicitaria B.A.P.&Conde, co título ‘A importancia da marca país’.
Esta empresa está considera a segunda axencia de publicidade en España con capital 100% nacional e a primeira da comunidade galega. Un dos seus últimos traballos, a campaña ‘Vivamos como galegos’, para o grupo GADIS, representou unha revolución no panorama publicitario español seguindo a liña do autoconcepto.
Miguel Conde conta cunha longa carreira empresarial a pesar da súa xuventude. No ano 2006 foi nomeado por segundo ano consecutivo ‘Mellor publicista de Galicia’ entre os seus compañeiros de profesión. Ademais, o Correo Galego distinguiuno ‘Galego do mes’ en xaneiro de 2007.
Recentemente vén de presentar en Madrid o seu libro ‘Target: manual de instrucciones’, no que se analiza o comportamento do consumidor ante o proceso de toma de decisións dun xeito práctico e visual.
A empresa que dirixe considérase unha das de maior crecemento do sector en España tanto polo volume de facturación (un 300% de incremento nos últimos 5 anos) como en persoal. Con oficinas en Madrid e na Coruña, as súas contas de clientes máis destacadas inclúen nomes como Leche Pascual, Fadesa, Gadisa, Gadis, Haley, Pizzamóvil ou DO Rías Baixas, así como a promoción de Turismo de Canarias, entre moitos outros.
Sen dúbida, a aposta máis importante para a empresa é a de crear unha nova marca para Galicia, unha marca país, do que falou durante a súa intervención, que foi clausurada polo vicerreitor.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.11.2007.