Ir o contido principal

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo celebra o seu acto de graduación

O padriño da promoción, Magín Froiz Planes, presidente do Grupo Froiz, impartirá unha conferencia sobre as empresas de distribución en Galicia

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo celebra o venres 8 o acto de graduación da licenciatura. A cerimonia terá lugar na Aula Magna do centro a partir das 19.00 horas, e estará presidida polo vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón. O acto central do encontro será un relatorio a cargo do padriño da promoción: o presidente do Grupo Froiz, Magín Alfredo Froiz Planes. A súa intervención analizará o sector da distribución en Galicia, e estará centrada especialmente no caso da empresa de alimentación que dirixe, cun cadro de persoal que supera os 4.500 traballadores e con presenza no resto de España e o norte de Portugal. No acto estarán presentes tamén o decano do centro, Luís Gago González, así como a delegada de Economía e Facenda da Deputación Provincial, Pilar García Porto; o edil de Servizos Xerais do Concello de Lugo, Francisco Fraga López, e o presidente do Colexio Oficial de Economistas de Lugo, Salustiano Velo Sabín. En nome do alumnado desta décimo sexta promoción de licenciados da Facultade de ADE de Lugo, intervirá a estudante Cristina García Conde. Ademais da entrega de diplomas aos novos licenciados, farase un recoñecemento especial aos mellores expedientes da promoción 2010/2011: Carmen Rodríguez Muinelo na licenciatura de ADE e Yolanda Ferreiro Arias na diplomatura de Ciencias Empresariais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.06.2012.