A Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo recolle 550 quilos de alimentos na súa campaña ‘ADE Solidaria’
O decanato da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo puxo en marcha a campaña ‘ADE Solidaria’, a través da cal se recolleron alimentos de primeira necesidade para as familias necesitadas da capital lucense, ás que se lles farán chegar a través do Banco de Alimentos da cidade. Desde o mércores 12, data en que se colocaron varios contedores na entrada do centro para a recollida das doazóns, reuníronse arredor de 550 quilos de produtos, principalmente arroz, fariña e aceite de xirasol, precisamente que se solicitaban de maneira específica, por tratarse de alimentos básicos e non perecedoiros. “A nosa previsión inicial cumpriuse sobradamente, pois o obxectivo era acadar unha axuda de aproximadamente un quilo de produtos por cada un dos membros da comunidade do centro, e entre alumnado, profesorado e PAS somos arredor de 500 persoas, de modo que estamos máis que satisfeitos da resposta acadada”, afirma Begoña Barreiro, decana da Facultade de ADE de Lugo Barreiro explica que está é “a primeira dunha serie de iniciativas que se irán poñendo en marcha ao longo do curso desde o noso centro, co obxectivo de paliar na medida das nosas posibilidades os efectos da situación económica pola que estamos a atravesar, e á que non queremos permanecer indiferentes desde a comunidade universitaria”.