A Facultade de Ciencias da Comunicación será escenario do II Seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’
A Facultade de Ciencias da Comunicación será a sede entre os vindeiros 28 de febreiro e 15 de maio, os martes de 16.00 a 20.00 horas, da segunda edición do seminario ‘Xornalismo social e cooperación internacional’. O seu obxectivo é capacitar xornalistas e futuros xornalistas no coñecemento da comunicación social e, máis concretamente, da comunicación para o desenvolvemento, impulsando así a difusión, promoción, denuncia e educación en materia de cooperación e solidariedade.
A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) e a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) organiza esta actividade dirixida tanto a xornalistas como a alumnado de Ciencias da Comunicación, que poderán validar dous créditos de libre configuración. As persoas interesadas deben inscribirse antes do 19 de febreiro en seminario [at] agareso.org (seminario[at]agareso[dot]org). As prazas son limitadas e o custe da matrícula é de 100 euros.
As bases da cooperación e a comunicación para o desenvolvemento, as boas prácticas informativas respecto dos colectivos en risco de exclusión e os discursos alternativos en torno aos países do Sur son só algunhas das cuestións que aborda o programa. O curso contempla mesmo unha visita voluntaria ao centro penitenciario da Lama, en Pontevedra, para coñecer os proxectos que alí desenvolve AGARESO.