A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais celebra este venres o seu 40 Aniversario
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais organiza este venres, día 4, un acto de celebración dos corenta anos de existencia destes estudos na Universidade compostelá. Será a vicerreitora de Calidade e Planificación, María Dolores Álvarez, quen o inaugure ás 12:00 horas no salón de graos do centro.
A continuación, e tras a benvida por parte da decana María Teresa Cancelo, a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre recibirá o Premio FULGET que concede a Facultade en recoñecemento á colaboración de empresas ou colectivos empresariais en accións encamiñadas a mellorar as relacións entre a actividade académica e o seu contorno profesional.
Tamén nese acto faráselles entrega de distincións aos licenciados e doutores con mención extraordinaria e dos correspondentes diplomas aos gañadores dos III Premios á Calidade Lingüística dos Traballos Académicos organizados pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade. O acto rematará coa intervención do que fora decano da Facultade que hoxe cumpre corenta anos, Luis Suárez-Llanos.
Corenta anosOs estudos da Sección de Ciencias Económicas inícianse en Santiago de Compostela no curso 1967-1968 na Facultade de Ciencias Políticas, Económicas e Comerciais. Este centro, que non contaba cun edificio de seu, percorreu ao longo de case dez anos espazos como a antiga Facultade de Dereito, os barracóns do Burgo das Nacións, a Facultade de Farmacia e o edificio de Fonseca, ata chegar, en 1976, ao seu emprazamento actual. Tamén, ao longo destes anos, foi variando a súa denominación e acabou por converterse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.