A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC vive o encontro ‘Da Universidade á empresa’
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago acolleu este venres o encontro ‘Da Universidade á Empresa’, organizada da man da Asociación para el Progreso de la Dirección (APD) e enmarcada nos actos dos 50 anos dos estudos de economía en Galicia .
Directivos de empresa novos e universitarios reúnense para pór en común experiencias e resolver dúbidas sobre as expectativas do sector empresarial na formación dos novos titulados. Na xornada trátanse temas como o traballo en equipo, as habilidades profesionais, negociación, xestión do risco, innovación, liderado, a marca persoal, novos xeitos de traballo na era dixital, e a felicidade no traballo.
A inauguración estivo a cargo de Loreto Fernández, vicedecana da Facultade; de Santiago Sesto, director da Zona Noroeste da APD; e máis de Miguel A. Vázquez Taín, decano do colexio de economistas da Coruña e profesor no centro.
Nese acto a vicedecana incidiu en que o mercado laboral mudou “e é complexo, pide algo máis. Busca xente innovadora e cunha serie de competencias que non se ensinan dentro das aulas e que son as que se buscan con actos coma este”. Pola súa banda, Taín presentou a organización colexial e que lle pode ofrecer aos recen licenciados: “Tratamos de facer un labor de acompañamento, de networking, de axuda para entrar na carreira profesional”.
Para rematar a presentación, Santiago Sesto amosou o traballo que desenvolve a APD dende 1956. “Somos unha institución que acompaña durante a vida profesional e persoal. Queremos mellorar o desempeño profesional, de modo persoal e en relación cos demais”. Aos alumnos incitounos a buscar “alimento para o pensamento”, xa que teñen que ter “obsesión para aprender”.
A continuación chegou a conversa ‘Da Universidade á empresa, o mundo que vos ides atopar’ na que participaron o propio Santiago Sesto; Cándido Cancelo, CEO de BMC Desarrollo Industrial y Mobiliario; e Alberto Varela, socio de Servitalent.