Ir o contido principal

A Facultade de Ciencias da Educación conmemora a festividade do seu patrón

A Facultade de Ciencias da Educación conmemora a festividade do seu patrón
A Facultade de Ciencias da Educación conmemora a festividade do seu patrón

O reitor Juan Casares presidiu este luns 10 no Salón Nobre do Pazo de Fonseca o acto académico conmemorativo da festividade do patrón da Facultade de Ciencias da Educación, Frei Martín Sarmiento, unha celebración na que tamén participaron o decano da facultade, Lois Ferradás Blanco; a vicedecana Elena Fernández Rey e a secretaria do devandito centro universitario, Rita Gradaille. O catedrático de ensino secundario Miguel Vázquez Freire ofreceu no marco deste acto un relatorio baixo o título ‘O odio á pedagoxía. Educar en tempos de crise’, ao remate do cal se entregaron os diplomas dos Premios Extraordinarios de diplomatura, licenciatura, grao e máster aos mellores estudantes, ao tempo que tamén se fixo entrega de premios aos gañadores do II Certame Literario da Facultade de Ciencias da Educación. O acto conmemorativo da festividade do patrón de Ciencias da Educación foi tamén o marco escollido para distinguir a seis profesores/as co Sarmiento de Honra, un recoñecemento que recibiron nesta ocasión os/as ensinantes María Carmen Gómez Novoa, María Luz Carballo Vicente, Antón Costa Rico, Miguel Ángel Zabalza Beraza, María Lourdes Montero Mesa e Anxo Serafín Porto Ucha. Logo da clausura desta cerimonia académica por parte do reitor da USC, o grupo teatral ‘ Enlata teatro’ puxo o colofón da sesión coa representación dun extracto da peza ‘A face e o envés’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.03.2014.