A Facultade de Ciencias da Educación volve convocar o teatro afeccionado galego para a segunda edición do proxecto de creación escénica AD HOC
Nove compañías de teatro afeccionado deron vida o pasado mes de abril ao proxecto Ad Hoc, unha nova liña de traballo asociada ao Ciclo de Teatro Comunitario que encheu as instalacións do Centro Socio Cultural Santa Marta durante a vixencia do certame. A Facultade de Ciencias da Educación abre agora unha nova edición desta iniciativa especialmente orientada a compañías de teatro afeccionado, que deberán presentar as súas propostas escénicas tendo nesta ocasión como tema central a violencia obstétrica. Os grupos interesados deberán inscribirse antes do 15 de novembro. As compañías deberán traballar na creación dunha peza de como máximo 15 minutos de duración e a temática sinalada. As micropezas mostraranse ao público nas xornadas que se celebrarán en Santiago do 9 ao 11 de abril de 2015 no contexto do VIII Ciclo de Teatro Comunitario, no que tamén haberá mesas redondas e charlas sobre a violencia obstétrica coa participación de persoas expertas no tema. Cada unha das obras a representar será unha creación colectiva orixinal ideada especificamente para Ad Hoc e o texto da montaxe, en caso de telo, deberá ser en galego. Ciclo de Teatro Comunitario Ad Hoc naceu promovido pola Facultade de Ciencias da Educación en colaboración con Enlata –o seu laboratorio escénico- e co apoio da Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago e vinculado ao Ciclo de Teatro Comunitario que promove este centro universitario. Este encontro ao longo das súas sete edicións apostou de xeito consciente por dar visibilidade ao traballo das agrupacións de teatro afeccionado vinculadas as distintas estruturas comunitarias. Na primeira edición de Ad Hoc, a comisión organizadora considera “extraordinariamente positivo” o feito de ter cuberto ao completo a expectativa de participación por parte das compañías “e a calurosa resposta dun público heteroxéneo” que cubriu o 90% do aforo total previsto. Neste senso, a mesma comisión destaca a “altísima calidade” duns espectáculos que sorprenderon pola orixinalidade e a intelixencia á hora de abordar o tema da convocatoria.