Ir o contido principal

A Facultade de Ciencias festexa dende o luns os 15 anos da súa fundación e os 35 da creación do Colexio Universitario de Lugo

Haberá conferencias divulgativas durante cinco días e dúas sesións con experimentos recreativos

A Facultade de Ciencias celebra a próxima semana o XV aniversario da súa fundación, coincidindo cos 25 anos de inauguración do edificio da Facultade e os 35 da creación do Colexio Universitario de Lugo.
Para esta tripla conmemoración, a USC ten preparado un programa de actos que dará comezo o luns, ás 11:00 horas, coa inauguración oficial. Neste acto estarán presentes o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón; o alcalde de Lugo, José López Orozco; o subdelegado do Goberno, Jesús Otero; o vicerreitor de Cultura, Elías Torres, e o decano do centro, Francisco Fraga López.
A continuación, a profesora titular da Facultade de Ciencias de Lugo María Isabel Fernández García realizará unha reseña histórica da evolución dende colexio a facultade neste tempo.
No programa de actos figuran varios relatorios ofrecidos por catedráticos de gran prestixio de diversas especialidades das distintas universidades do Estado. Abrirá este ciclo o luns, ás 12:00 horas, Carlos Pajares Vales, catedrático de Física Teórica da Universidade de Santiago e que ocupou o cargo de reitor dende 1984 a 1990. O título da súa intervención é ‘¿De qué están feitas as cousas?’ E nela ofrecerá unha visión da física e química dende un punto de vista divulgativo.
Nos relatorios ofreceranse diferentes perspectivas das ciencias, con intervencións técnicas e outras máis divulgativas. Dentro do programa figuran tamén varias conferencias de especialistas da Facultade de Humanidade, nas súas especialidades con profesores de especialistas na súa materia dentro da USC como Jesús Varela Zapata, Ángeles Rodríguez Fontela, Claudio Rodríguez Fer e Antonio Rodríguez Colmenero.
Destacan no programa dúas xornadas de física recreativa, que consisten en charlas-demostracións divulgativas sobre experimentos físicos espectaculares. A primeira destas dúas sesións, que terán lugar nas tardes do martes e o mércores, ás 17:00 horas, estará a cargo de Miguel Ángel Cabrerizo Vílchez, catedrático de Física Aplicada da Universidade de Granada e Premio Internacional da Comunidade Económica Europea en Física Recreativa. A segunda será conducida por Julio Seijas Vázquez e José Crecente Campo, profesor e investigador, respectivamente, da Facultade de Ciencias lucense.
Estas dúas xornadas teñen o obxectivo de achegar a todos os públicos a física e a química e a súa aplicación á realidade cotiá coa realización de experimentos sinxelos pero espectaculares, que normalmente teñen unha explicación teórica complexa pero a súa demostración práctica resulta fácil de comprender.
O programa elaborado combina a especialización coa iniciación ao mundo das ciencias coa intención de chegar ao publico en xeral e máis concretamente aos estudantes de Secundaria. De feito, a entrada é libre e gratuíta para todos estes eventos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.11.2007.