Ir o contido principal

A Facultade de Ciencias de Lugo acolle as II Xornadas de Nutrición Clínica e Dietética Aplicada

O encontro, organizado pola Asociación Galega Dietistas-Nutricionistas, desenvolverase os días 26 e 27 de outubro

A Facultade de Ciencias será a sede da segunda edición das Xornadas de Nutrición Clínica e Dietética Aplicada, organizadas pola Asociación Galega de Dietistas-Nutricionistas (AGDN), que se desenvolverán os días 26 e 27 de outubro neste centro da USC no Campus de Lugo. O encontro ábrese o venres 26 cun acto oficial de inauguración no que participan o decano da Facultade de Ciencias, José M. Ageitos; Giuseppe Rusolillo, presidente da Asociación Española de Dietistas-Nutricionistas; José Antonio López, presidente da AGDN; e Cleofé Pérez Portabella, presidenta de honra da AGDN. Giuseppe Rusolillo será o encargado de presentar o primeiro dos relatorios, centrado na relación entre os cereais integrais e a saúde cardiovascular. A continuación, a dietista e nutricionista Áurea Casais, da AGDN, achegará aos asistentes unha charla sobre a fibra como alimento funcional. A sesión de tarde do día 26 comeza cunha mesa redonda sobre nutrición no deporte, na que participan José Miguel Martínez, da AEDN (aplicacións da antropometría no ámbito deportivo) e Juan José Bedolla, da AGDN (nutrición en deportes de resistencia). Unha segunda mesa redonda abordará a cuestión da obesidade como problema social, e nela intervirán a dietista-nutricionista e psicóloga Andrea Arroyo (aspectos psicolóxicos no paciente obeso) e Julio Basulto, do Grupo de Revisión, Estudo e Posicionamento da AGDN (dietas de moda e paleodieta). Unha terceira mesa redonda sobre almorzos saudables pecha a actividade desta primeira xornada do encontro, coa presenza de Julio González Morandeira, da Área de Servizos Xerais do Concello de Lugo, e Patricia Beiro, dietista-nutricionista da AGDN. O sábado 27 o programa iníciase con senllos relatorios sobre a nutrición no ancián fráxil, a cargo de Miguel Giribés e José Antonio López, do Hospital Universitario Vall d'Hebrón, que se completan coas achegas de Cleofé Pérez Portabella (dietista-nutricionista neste mesmo centro hospitalario) sobre as complicacións neste tipo de pacientes, especialmente úlceras e disfaxia. Un taller sobre nutrición no ancián fráxil poñerá fin ás xornadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.10.2012.