Ir o contido principal

A Facultade de Ciencias de Lugo analizará o futuro das enerxías renovables

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo analizará do 16 ao 20 de xullo as posibilidades de futuro de varios tipos de enerxías no curso de verán ‘Enerxías renovables: a enerxía do futuro?’ que dirixen os profesores Francisco Fraga e Jorge Proupín Castiñeiras. Deste xeito, cada un dos días do curso estará dedicado a enerxías diferentes. O luns 16 debaterase sobre as posibilidades dos biocombustibles e minihidráulicas, o martes 17 será a quenda da enerxía solar, o mércores 18 falarase sobre a biomasa e o xoves 19 sobre a enerxía eólica. O último día do curso resérvase para debater nunha mesa redonda as posibilidades de futuro de cada unhas das modalidades enerxéticas estudadas.
Os relatorios comezan o luns, día 16, coa intervención do xefe de planta de Bioetanol Galicia do Grupo Abengoa Bioenergía, Tomás Blanco Parra, quen falará sobre o desenvolvemento sostible para o sector do transporte, seguido polo director de operacións da mesma entidade, Jorge Osborne Cologan, que disertará sobre como impulsar os proxectos de biodiesel. Pola tarde o profesor do departamento de Electrónica e Computación da USC José Ángel Taboada González explicará a coxeneración de gas aplicada á domótica e á optimización enerxética, para rematar a xornada co enxeñeiro delegado da sociedade Control e Xeoloxía, Javier Rambla Segura, que disertará sobre a planificación hidrolóxica na programación, execución e xestión de aproveitamentos hidroeléctricos.
O martes, día 17, a xornada estará dedicada á enerxía solar con relatorios que abordarán os temas do seu aproveitamento en Galicia, os cálculos da radiación en superficies inclinadas, as novas tecnoloxías ou as posibilidades da enerxía solar térmica.
O futuro da biomasa centrará o terceiro día do curso, con profesores da USC que explicarán a súa contribución ao desenvolvemento sostible, o aproveitamento enerxético dos residuos agrícolas e forestais e os cultivos enerxéticos.
Continúan as xornadas analizando, o xoves 19, as posibilidades da enerxía eólica, comezando o programa do día co relatorio do profesor do departamento de Física da Materia Condensada da USC e director de MeteoGalicia, Vicente Pérez Muñuzuri, titulado ‘Aproveitamento enerxético do vento. Predición’ e a continuación o consultor ambiental de parques eólicos, Xavier Vázquez Pumariño, falará sobre o impacto ambiental deste tipo de parques. Xa pola tarde, o director xerente da Delegación Noroeste da entidade Gamesa Enerxía, Luis Caamaño Martínez, disertará sobre o presente e futuro dos parques eólicos e o xefe da área de Enerxías Renovables do Instituto Enerxético de Galicia, Antonio Dorado, porá como exemplo a xestión do parque eólico experimental de Sotavento.
O último día do curso resérvase para o debate sobre os conceptos tratados nos días anteriores. Deste xeito, despois da intervención da responsable da campaña Cambio Climático e Enerxía de Greenpeace, Raquel Montón, sobre as enerxías renovables como alternativa para a sustentabilidade, celebrarase unha mesa redonda para extraer conclusións sobre as posibilidades de futuro das enerxías renovables.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.06.2007.