A Facultade de Ciencias de Lugo distingue a oito estudantes no concurso de proxectos de fin de carreira
Oito estudantes da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo recibiron este martes 15 os premios do concurso de proxectos fin de carreira para as titulacións de Enxeñaría Técnica Industrial na especialidade de Química Industrial e de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos.
O proxecto gañador na titulación de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos foi ‘Valoración nutricional de los menús de un comedor universitario y estudio del patrón alimentario de un grupo de sus usuarios’ presentado por Tania Espín Galloso, que foi premiada con 400 euros e un contrato de traballo de seis meses de duración na empresa Ingapán. O xurado decidiu conceder o segundo premio, de 200 euros, a Maruxa García Quiroga, polo proxecto ‘Evaluación organoléptica de kiwi producido por diferentes sistemas de cultivo’, e o terceiro, dotado con 100 euros, a Verónica Gómez Gómez que presentou o proxecto ‘Caracterización de cepas de Escherichia Coli productoras de betalactamasas de espectro extendido tipo CTX-M aisladas de vacuno de producción cárnica y lechera’.
Na titulación de Enxeñaría Técnica Industrial na especialidade de Química Industrial entregáronse premios en dúas modalidades, segundo o proxecto fose técnico ou de investigación. Na caso dos proxectos técnicos foron premiadas, con 875 euros, Vanesa María González Capelas por ‘Instalación de energía solar térmica para producción de agua caliente sanitaria en la planta 1 de Ingapán del polígono industrial de O Ceao en Lugo’ e, con 675 euros, María López López polo traballo ‘Modificación de las condiciones de carga a la unidad de vacío 1 de Repsol-YPF’.
Na modalidade de proxectos de investigación houbo dous primeiros premios, dotados con 625 euros, e que recaeron nos traballos ‘Nanocomponentes epoxi con nanopartículas de oro’ de Adrián Martínez Vázquez e ‘Estudios de absorción en material de uso quirúrgico’ de Erica Álvarez Fernández. O segundo premio foi para Víctor Manuel Pereira Verdes por ‘Influencia de la estequiometría en el proceso de curado de un material termoestable’.
No acto de entrega dos premios estiveron presentes o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga; o vicedecano da facultade, José Manuel Martínez Ageitos, o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo (COETIL), Jorge Rivera; o presidente de Atabeira, José Perejón, e a técnico de xestión de Altaga, Estíbaliz Santos, que colaboran coa USC na posta en marcha destes concursos.
Todos eles salientaron a calidade dos traballos presentados e aproveitaron para anunciar que, dende este curso académico, se entregará aos alumnos que presenten proxectos de fin de carreira no centro un impreso para autorizar que o seu traballo participe directamente no concurso sen ter que realizar os trámites habituais ata o de agora.