Ir o contido principal

A Facultade de Ciencias de Lugo, sede das II Xornadas de Nutrición Clínica e Dietética Aplicada

De esquerda a dereita, Olga Díaz, Francisco Fraga, José M. Ageitos, Sonsoles López e José Antonio López, durante a inauguración das II Xornadas de Nutrición Clínica e Dietética Aplicada na Facultade...
De esquerda a dereita, Olga Díaz, Francisco Fraga, José M. Ageitos, Sonsoles López e José Antonio López, durante a inauguración das II Xornadas de Nutrición Clínica e Dietética Aplicada na Facultade...
O encontro está organizado pola Asociación Galega Dietistas-Nutricionistas

A Facultade de Ciencias de Lugo (onde se imparte o Grao en Nutrición Humana e Dietética) é a sede na que se desenvolve os días 26 e 27 a segunda edición das Xornadas de Nutrición Clínica e Dietética Aplicada, organizadas pola Asociación Galega de Dietistas-Nutricionistas (AGDN). No acto oficial de inauguración deste encontro participaron o decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos; Francisco Fraga, concelleiro de Servizos Xerais do Concello de Lugo; Sonsoles López Izquierdo, delegada de Medio Ambiente da Deputación Provincial de Lugo; Olga Díaz Rubio, coordinadora do Grao e Nutrición Humana e Dietética que se imparte na Facultade de Ciencias; e José Antonio López Gómez, presidente da AGDN. A actividade das xornadas abriuse cunha mesa redonda sobre diabetes na que participan Miguel Ángel Martínez Olmos, do CHUS, e María González, dietista-nutricionista da AGDN. A continuación Giuseppe Rusolillo, presidente da Asociación Española de Dietistas-Nutricionistas (AEDN), presentou o primeiro dos relatorios, centrado na relación entre os cereais integrais e a saúde cardiovascular. A mañá péchase cunha charla sobre a fibra como alimento funcional a cargo da dietista e nutricionista da AGDN Áurea Casais. A tarde do día 26 comeza cunha mesa redonda sobre nutrición no deporte, na que participan José Miguel Martínez, da AEDN (aplicacións da antropometría no ámbito deportivo) e Juan José Bedolla, da AGDN (nutrición en deportes de resistencia). Outra mesa redonda abordará a cuestión da obesidade como problema social, e nela interveñen a dietista-nutricionista e psicóloga Andrea Arroyo (aspectos psicolóxicos no paciente obeso) e Julio Basulto, do Grupo de Revisión, Estudo e Posicionamento da AGDN (dietas de moda e paleodieta). Unha terceira mesa redonda sobre almorzos saudables pecha a actividade desta primeira xornada do encontro, coa presenza de Julio González Morandeira, do Concello de Lugo, e Patricia Beiro, da AGDN. O sábado 27 o programa iníciase con senllos relatorios sobre a nutrición no ancián fráxil, a cargo de Miguel Giribés e José Antonio López, do Hospital Universitario Vall d'Hebrón, que se completan coas achegas de Cleofé Pérez Portabella (dietista-nutricionista neste mesmo centro hospitalario) sobre as complicacións neste tipo de pacientes, especialmente úlceras e disfaxia. Un taller sobre nutrición no ancián fráxil poñerá fin ás xornadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.10.2012.