Ir o contido principal

A Facultade de Ciencias Políticas e Sociais conmemora o seu patrón cunha conferencia de José Ignacio Torreblanca sobre o Brexit

A Facultade de Ciencias Políticas e Sociais conmemorará a festividade do seu patrón, san José, coa conferencia ‘Brexit: Feitos e desafíos para a Unión Europea e o Reino Unido’ a cargo de José Ignacio Torreblanca Paya, a quen presentará o decano do centro, Ramón Bouzas Lorenzo, nunha sesión ás 11.30 horas no Salón de Actos da Facultade.

José Ignacio Torreblanca é profesor titular de Ciencia Política na Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) en Madrid, onde ensina Fundamentos de Ciencia Política, Sistema Político da Unión Europea e Democracia e lexitimidade na Unión Europea. Tamén é doutor membro do Instituto Juan March de Estudos e Investigacións. Foi bolseiro do Programa Fulbright, profesor na George Washington University en Washington D.C., así como investigador no Instituto Universitario Europeo de Florencia. Na actualidade é director da Oficina do European Council on Foreign Relations en Madrid.

Os seus últimos libros en español son Asaltar los cielos (2015), ¿Quién gobierna en Europa?: reconstruir la democracia, recuperar a la ciudadanía (2014) e La fragmentación del poder europeo (2011). En inglés, foi coautor de The Eurosceptic surge and how to respond to it (con Mark Leonard, ECFR 2014) e What is political union? (con Sebastian Dullien, ECFR 2012). Tamén se pode atopar o seu traballo en libros e revistas como Aspen Review, European Integration Online Papers, Foreign Policy en Español, Politique Européenne, Política Exterior, Revista Española de Ciencia Política e West European Politics.

Torreblanca é colaborador frecuente na radio, televisión e prensa (BBC.com, Bloomberg, CNN.com, Le Courier International, La Croix, European Voice, EurActiv, Financial Times, The Guardian, Internationale, The New York Times, OpenDemocracy, Gazeta Wyborcza, Politiken, PressEurop, Queries, Reuters, RTVE.es, Der Spiegel e La Stampa. Entre 2008 e 2018 foi colaborador do diario El País e na actualidade forma parte do equipo de opinión do diario El Mundo.

En marzo de 2015 foi galardoado co Premio de Periodismo Europeo Salvador de Madariaga. Ademais, foi recoñecido como un dos dez novos intelectuais máis influentes en España e América Latina por Foreign Policy en español en maio de 2011.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.03.2019.