A Facultade compostelá de Xeografía e Historia entra no espazo dixital multimedia
A Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago vén de botar man das novas tecnoloxías da comunicación para dar a coñecer o seu centro e as titulacións que alí se imparten. Desde hai uns días os internautas atoparán na rede de redes tres vídeos que lles achegan aos estudos e saídas profesionais de Historia, Historia da Arte e Xeografía, estudos, os dous últimos, que en Galicia só se imparten na USC.
Cunha base común sobre as instalacións do centro compostelá –destacando o “excepcional valor artístico” e bibliográfico da súa biblioteca-, bolsas para estudar en centros estranxeiros e saídas profesionais, cada un dos documentos audiovisuais contempla as súas lóxicas peculiaridades en función da carreira que se trate.
O prestixio da titulación de Historia en Santiago fortalécese coas opinións e experiencias de recoñecidos profesores da Facultade así como de alumnos propios e chegados doutras Universidades españolas. Pola súa banda, de Historia da Arte destácase o seu cada vez maior “carácter práctico” da que se cualifica como unha “carreira con futuro, conectada co presente”. De igual xeito sucede con Xeografía, carreira fortemente “dinámica” que ofrece “numerosos” campos laborais “de crecente demanda social”.