A Facultade de Dereito lembra cun libro homenaxe ao catedrático José Manuel Lete del Río
O Decanato da Facultade de Dereito e o Departamento de Dereito Común lembrarán este venres 5 a figura do catedrático de Dereito Civil da USC José Manuel Lete del Río, finado en accidente de tráfico en abril de 2007, nun acto no que se presentará o libro Estudios jurídicos en memoria del profesor José Manuel Lete del Río que coordina a profesora María Paz García Rubio.
Esta homenaxe, que terá lugar ás 12:30 horas na Sala de Xuntas da Facultade de Dereito, coincide ademais co depósito na Biblioteca Concepción Arenal da biblioteca persoal do catedrático.
O acto presidirao o decano da Facultade, Luis Míguez Macho, e nel participan ademais a catedrática de Dereito Civil da USC, María Paz García Rubio; o da Universidade de Barcelona, Ferrán Badosa Coll; o catedrático de Dereito Administrativo, Enrique Gómez Reino y Carnota; o director da Biblioteca Concepción Arenal da USC, Franciso Méndez; e Javier Lete Achirica, profesor titular de Dereito Civil en Santiago.
Manuel Lete del RíoO catedrático Manuel Lete del Río comezou a súa traxectoria profesional na Universidade de Valladolid, onde foi profesor antes de trasladarse a Santiago. Ademais de escribir numerosos tratados sobre Dereito Civil, dirixiu o Departamento de Dereito Común e ocupou diversos cargos de responsabilidade na Universidade de Santiago. O profesor Lete del Río gozaba dun gran recoñecemento internacional no eido do Dereito Civil.