A Facultade de Farmacia reducirá en 60 toneladas a emisión anual de CO2 ao ambiente
A reforma que nos últimos meses se levou a cabo na instalación da calefacción da Facultade de Farmacia da USC permitirá ao centro reducir o seu consumo de enerxía nunha cuarta parte pola mellora do rendemento das caldeiras. Isto supón ademais o aforro duns 15.000 euros en combustible e unha redución de 60 toneladas anuais na emisión de CO2, segundo os datos calculados pola Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC.
Con estes cambios na instalación contribúese a un dos obxectivos do Plan de Desenvolvemento Sostible, como é diminuír a emisión de gases de efecto invernadoiro a través dun consumo enerxético máis racional e dun bo mantemento das instalacións.
A reforma levada a cabo na Facultade de Farmacia, coordinada dende a Oficina de Xestión de Infraestruturas da USC, consistiu na substitución da caldeira de gasóleo orixinal por tres caldeiras novas de gas natural, así como outras melloras na electricidade, fontanaría ou na seguridade contra incendios na sala de caldeiras.
Durante o ano 2009 leváronse a cabo outras actuación significativas na USC, que evitaron a emisión de 142 toneladas de CO2 ao ambiente. É o caso da instalación fotovoltaica da Facultade de Física, o sombreado da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, a instalación de alumeado intelixente na Residencia Universitaria Monte da Condesa ou o cambio de cerramentos no edificio da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais e a Escola Universitaria de Relacións Laborais.