Ir o contido principal

A Facultade de Filoloxía abre a celebración do seu 50 aniversario coa presentación do logo conmemorativo

Verónica Rodríguez co logo gañador da súa autoría
Verónica Rodríguez co logo gañador da súa autoría
Verónica Rodríguez é a autora da imaxe que acompañará este aniversario logo de gañar o concurso proposto pola Facultade

A Facultade de Filoloxía conmemorará en 2025 os 50 anos da súa creación, un aniversario que celebrará ao longo do curso 2024-2025 con toda unha serie de actividades que porán en valor a historia e potencialidades deste centro compostelán.

O acto de partida desta conmemoración tivo lugar este martes coa presentación da imaxe que acompañará a programación do aniversario, resultado dun concurso convocado hai uns meses e que finalmente gañou Verónica Rodríguez Ferreiro, autora dun logotipo que xoga, nas cores corporativas da USC, coas iniciais do centro enlazándoas coa propia idiosincrasia dunha facultade especializada no estudo dos textos.

Verónica Rodríguez recibiu hoxe o seu premio de 500 euros nun acto que tivo lugar na propia facultade e no que participaron o decano, a vicedecana e o secretario do centro e presidente do xurado, Elias José Feijó Torres, Alejandra Ulla e Eduardo Moscoso, respectivamente. Tamén interveu Carlos Toural, director do Gabinete do Reitor e integrante do comité encargado da elección das tres propostas de logotipo, que explicou os criterios de valoración dende o punto de vista da comunicación.

O concurso outorgaba ademais un segundo premio, de 200 euros, que gañou Jorge Rodríguez Durán cunha proposta en verde que presenta en pequenos cadros a diversidade académica das ensinanzas centro. O terceiro premio, de 100 euros, foi para Catalina Méndez Abad, que presentou unha composición colorida na que tamén aparecen representadas as distintas áreas da filoloxía.

Jorge Rodríguez Durán co logotipo gañador do segundo premio
Jorge Rodríguez Durán co logotipo gañador do segundo premio
Catalina Méndez Abad co logo gañador do terceiro premio
Catalina Méndez Abad co logo gañador do terceiro premio
As autoras e autor dos logos posan co equipo decanal. Foto: Santi Alvite
As autoras e autor dos logos posan co equipo decanal. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.07.2024.