Ir o contido principal

A Facultade de Filoloxía, sede da Conferencia de Linguas Románicas que organiza a Dirección Xeral de Tradución da Comisión Europea

A Facultade compostelá de Filoloxía acolle este xoves e venres a conferencia ‘Linguas románicas. Tradución, multilingüismo e construción europea’ que organizan a Dirección Xeral de Tradución da Comisión Europea e a representación en España desta institución para tratar do futuro común destas linguas na Unión Europea e no mundo.
O reitor Senén Barro acudirá este xoves 12 á sesión inaugural do encontro que terá lugar ás 10:00 horas e á que ademais asisten o director xeral de Tradución da Comisión Europea, Karl-Johan Lönnroth; a secretaria xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Marisol López; o presidente do Directorio de Euronews, Philippe Cayla; a directora da Representación da Comisión Europea en Portugal, Margarida Marques; e Carmen Zamorano, da Dirección Xeral de Tradución da Comisión Europea.
Daranse cita na conferencia especialistas españois, portugueses, franceses, italianos e romaneses para analizar o papel que desempeñan as linguas románicas na construción europea, o seu valor económico e o peso das novas tecnoloxías no seu desenvolvemento.
Ademais, intervirán como relatores neste importante encontro os profesores da Universidade de Santiago Antón Santamarina e Manuel González, mentres que o decano do centro anfitrión, o profesor Ernesto Gonzalez, será o encargado de pechar as sesións o venres 13.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.03.2009.