A Facultade de Formación do Profesorado de Lugo ofertará o curso 2013-14 sete mencións cualificadoras nos graos de Mestre
A Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo ofertará o vindeiro curso sete mencións cualificadoras nos títulos de grao en Mestre de Infantil e de Primaria, segundo avanzou o decano Francisco Rodríguez Lestegás, logo de ter recibido xa a pertinente autorización administrativa para poder impartir estes novos itinerarios formativos dentro dos planos de estudos dos graos.
Rodríguez Lestegás sinalou que as mencións cualificadoras dos graos en Mestre aprobadas para a Facultade de Lugo coinciden, na súa maior parte, coas distintas áreas ou ámbitos de especialización docente fixadas previamente polo Ministerio de Educación e que atinxen exclusivamente aos Mestres de Primaria, dado que en Educación Infantil non existe ningún tipo de especialización, segundo a normativa vixente. Ante esta conxuntura normativa, seis das sete, mencións cualificadoras autorizadas para a Facultade de Formación do Profesorado de Lugo corresponden ao título de grao en Mestre de Primaria, cuxa primeira promoción de graduados do campus de Lugo sairá a finais do vindeiro curso 2013-2014. A recente aprobación das mencións cualificadoras fará posible que os alumnos que completen o ano que vén o último curso do grao en Mestre de Educación Primaria poidan acadar o título de grao en Mestre con mención cualificadora en Inglés, Francés, Alemán, Educación Física, Audición e Linguaxe ou Titoría e xestión de centros. A consecución desta mención cualificadora vén a ser un complemento ou elemento de diferenciación no marco dun título homoxéneo en todo o país e con módulos e contidos previamente xa establecidos por orden ministerial. Obtención das mencións A obtención destas mencións cualificadoras, que só son accesibles para o alumnado de último curso do grado, vén dada polo feito de cursar entre 30 e 42 créditos ECTS de contidos específicos, ou o que vén a ser o mesmo, pola elección de catro materias optativas e entre unha e tres de carácter obrigatorio, ademais de completar un traballo de fin de grao e o Prácticum coas singularidades correspondentes, segundo explicou Rodríguez Lestegás. O decano da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo destacou, non obstante, que as mencións cualificadoras non son un requisito obrigado para acadar o título de grao en Mestre. De feito, Rodríguez Lestegás sinalou neste senso que o alumnado que non teña interese algún por cursar as materias ofertadas nas distintas mencións cualificadoras, pode escoller outras optativas diferentes programadas ao abeiro do propio grao, pero que non outorgan ningún tipo de mención cualificadora. Rodríguez Lestegás sinalou, asemade, que este novo abano de mencións cualificadoras do grao en Mestre de Educación Primaria, recordan, cando menos por analoxía, as antigas especializacións. Aínda así, o decano da facultade luguesa non entrou a valorar a validez administrativa duns complementos ao título cuxo perfil quedou moi limitado pola adecuación destes itinerarios formativos aos ámbitos de especialización fixados polo Real Decreto 1594/2011, de 4 de novembro. A promulgación e posterior entrada en vigor desta normativa obrigou ao cadro docente da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo a remodelar a súa inicial proposta de mencións cualificadoras, dado que se trataba de itinerarios que atinxían a outras áreas que non se correspondían cos ámbitos de especialización fixados para Primaria. Esta remodelación das mencións programadas nun primeiro momento polo profesorado da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo relegou ao esquecemento parte das vellas propostas, aínda que se manteñen as mencións cualificadoras en Titoría e xestión de centros para o alumnado do grao en Mestre de Educación Primaria, e Educación sonora e visual, que é a única ofertada para os alumnos matriculados no último curso do grao en Mestre de Educación Infantil. A actual normativa non outorga validez administrativa algunha a estas dúas mencións, precisou Rodríguez Lestegás, quen, sen embargo, entende que este perfil ou itinerario formativo diferenciado pode espertar o interese de parte do alumnado ao tempo que tamén pode servir como vía para ampliar o campo de traballo e as saídas profesionais. Implantación inminente A inminente implantación das mencións cualificadoras na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, un centro que, ata o momento, rexistra máis demanda de matrícula por parte do estudantado que prazas oferta, antóllase como un reclamo máis para favorecer a mobilidade universitaria, dado que un estudante podería elexir facultade en función das mencións cualificadoras do grao en Mestre.
Rodríguez Lestegás opta por ser cauto respecto do impacto e dos efectos das novas mencións cualificadoras, aínda que si precisou que a pretensión da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo non é a de ofertar os sete itinerarios formativos para os que conta con autorización, senón que só se implantarán as mencións xustificadas pola demanda de estudantes e para as que o centro universitario dispoña dos recursos docentes suficientes para impartilas.