A Facultade de Humanidades de Lugo presenta un novo número da revista Evohé, elaborada polo seu alumnado
A Facultade de Humanidades de Lugo presentou un novo número da revista Evohé, editada polo seu alumnado e coordinado polas alumnas Cristina Fiaño e Sandra López. Ademais das directoras, no acto de presentación participaron a decana do centro, María Isabel González Rey, e un dos seus profesores, o escritor Claudio Rodríguez Fer, promotor da publicación e ao que neste número se lle dedica un especial co gallo do seu nomeamento como doutor honoris causa pola Universidade de Alta Bretaña en Rennes (Francia). González Rey destacou na súa intervención “a importancia de dispoñer dun espazo de creación e opinión coma este, cuxa maior mostra de dinamismo é acadar os quince anos de existencia ininterrompida”, agradeceu o compromiso de Rodríguez Fer “como promotor no seu momento e logo como nexo entre as distintas xeracións de estudantes que pasaron pola revista” e definiu como “unha merecida homenaxe” o feito de que este número estea en parte dedicado ao escritor e profesor lucense. Para Claudio Rodríguez Fer, a importancia desta publicación radica en que son os alumnos os que a sacan adiante: “Revistas de profesores hai moitas, porque en parte tamén é o noso traballo, pero o feito de que sexan estudantes os que a manteñen e a dotan de contidos é especialmente valioso”. Rodríguez Fer tamén salientou “a variedade de xéneros que abrangue, mostra da vitalidade da Facultade de Humanidades e do Campus de Lugo”. As responsables da publicación agradeceron as axudas recibidas, tanto a través colaboracións que conforman os contidos de Evohé como da propia institución universitaria, “por poñer ao noso alcance os recursos que nos permiten sacar adiante esta publicación e facela chegar a todos os campus que a conforman”. Ambas as directoras fixeron un chamamento para que os interesados remitan á publicación as súas colaboracións de cara ao vindeiro número, “para seguir recollendo as inquedanzas e as múltiples maneiras de entender a cultura dos novos creadores”. Variedade de contidos O especial dedicado a Claudio Rodríguez Fer inclúe unha entrevista co escritor e profesor lucense, así como o texto íntegro do seu discurso de recepción do doutoramento honoris causa pola Universidade da Alta Bretaña en Rennes no pasado mes de xuño. Ademais, este novo volume de Evohé incorpora a tradución por vez primeira ao galego do conto de Wenceslao Fernández Flórez De como morreron os meus seis gatos, así como as colaboracións de investigación, poesía e relato curto de alumnado da Facultade de Humanidades de Lugo. Na parte gráfica, a imaxe de cuberta leva unha ilustración da artista lucense Sara Lamas, quen colabora coa publicación desde o seu primeiro número. Por primeira vez a revista conta tamén con traballos de alumnos dos campus composteláns, a través dun acordo de colaboración mutua cos responsables da revista Paradisso, que se edita na Facultade de Filoloxía de Santiago; do mesmo xeito, o próximo número de Paradisso incluirá tamén as creacións dos alumnos lucenses. Evohé. Revista Cultural do Campus de Lugo foi fundada en 1997; nestes tres lustros de andaina publicáronse 23 números que recollen as colaboracións de arte, poesía, narrativa, ensaio e investigación destas quince promocións de estudantes. Ademais, Evohé serviu neste tempo como plataforma para realizar convenios, conferencias, recitais e encontros diversos. Cuberta do nº 23 da revista Evohé