A Facultade de Matemáticas pechou os actos do seu 50 aniversario no Día de San Alberte Magno, patrón das Ciencias
Coincidindo coa festividade de San Alberte Magno, patrón das Facultades de Ciencias, Matemáticas clausurou este venres os actos de celebración do 50 aniversario da implantación dos estudos desta Licenciatura na USC nun acto que presidiu o reitor Senén Barro, acompañado do director xeral de Calidade e Ordenación do SUG, Ramón Leis; da subdirectora xeral de Xestión do Plan Galego de I+D+i, Xulia Guntín; dos decanos de Matemáticas, Bioloxía, Ciencias e Química, Juan Viaño, Jaime Gómez, Francisco Fraga, Ángeles López e Ramón Estevez, respectivamente; e do vicedecano de Física, Juan Manuel Ruso.
Asistiron tamén profesores e alumnos das cinco facultades de Ciencias, autoridades académicas da USC, representantes dos Concellos de Santiago de Compostela e Lalín así como de organismos e entidades patrocinadoras do 50 aniversario como a Dirección Xeral de Turismo, a Fundación Caixa Galicia e a Deputación da Coruña.
A Facultade quixo aproveitar esta clausura para homenaxear a seis dous seus docentes destacados pola súa achega á implantación deses estudos na USC, de xeito que outras tantas aulas do centro recibirán o nome de Ramón María Aller Ulloa, Enrique Vidal Abascal, Eduardo García-Rodeja Fernández, Antonia Ferrín Moreiras, Antonio Valle Sánchez e Ramiro Melendreras Gimeno. No acto deste venres, os hoxe profesores e antigos alumnos dos correspondentes homenaxeados -José Angel Doboco, Xosé Masa, Emilio Villanueva, Josefina Ling, Gerardo Rodríguez e Luis Coladas- fixeron un esbozo biográfico de cada un deles.
Tras os discursos das autoridades académicas e o descubrimento das placas conmemorativas diante das respectivas aulas, inaugurouse a escultura ‘Exploración’, cedida á Facultade polo artista galego Álvaro de la Vega como lembranza desta efeméride.
O Recanto da SaudadeTodos os convidados e autoridades desprazáronse ao final da mañá ao Recanto da Saudade, emprazado no Campus Sur, para asistir ao descubrimento dunha placa doada pola Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC na que se deixa constancia do 50 aniversario dos estudos de Matemáticas. Como indicou o vicepresidente da Asociación, José Manuel Gándara Rey, o Recanto “converteuse xa nun lugar de especial emotividade e as placas que contén lembran o regreso dos seus ex alumnos á súa universidade”.
A Facultade de MatemáticasA de Santiago é unha das tres facultades de España que oferta este curso o Grao en Matemáticas, titulación adaptada á normativa europea. Con 80 alumnos matriculados no 1º curso, consolídase a recuperación experimentada nos últimos anos en canto ao número de novos alumnos, situándose entre as seis Facultades de Matemáticas do país en estudantes de nova matrícula.
En canto á formación de posgrao oficial, este centro compostelán oferta dous másters, de Enxeñaría Matemática e de Técnicas Estatísticas, os dous de carácter profesional e interuniversitario. A partir do curso próximo engadiráselle ademais o Máster en Matemáticas, de carácter académico-investigador. Os tres forman parte de programas de doutoramento con mención de calidade outorgada polo Ministerio de Ciencia e Innovación. En conxunto, esta oferta académica converte ao compostelán nun dos centros galegos que máis ten avanzado na implantación de títulos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior.
Actualmente, son 90 os profesores e investigadores da Facultade repartidos en cinco Departamentos que imparten docencia nas titulacións de Matemáticas, Bioloxía, Farmacia, Física, Medicina, Química, Relacións Laborais, Enxeñaría Química, Enxeñaría Informática de Sistemas e óptica e Optometría. Ademais, con 27.000 volumes, 300 revistas e acceso electrónico a máis de 500, a biblioteca deste centro está considerada como unha das mellores de España.
Nestes 50 anos, son mais de 2.500 os licenciados saídos das aulas da Facultade e un total de 210 doutores, dos que exactamente un terzo son mulleres. Muller tamén é a autora da primeira tese lida na sección, no ano 1963.
Inserción laboral dos tituladosSe ben a docencia nos niveis de secundaria foi a saída, case exclusiva, dos titulados en Matemáticas ata principios dos noventa, nos últimos cinco anos este campo só absorbe o 45% dos licenciados galegos, en tanto que o resto fano nos ámbitos da empresa e laboratorios de I+D. Ademais, os estudos de inserción laboral realizados nos últimos anos pola Facultade, pola Axencia Galega de Calidade do SUG e pola Real Sociedade Matemática Española conclúen que a incorporación destes titulados ao mercado laboral é un proceso moi rápido, xa que despois de dous anos o índice de desemprego é só do 5%. Ademais, o 52% obtén un emprego estable en menos de 6 meses e en dous anos a porcentaxe alcanza o 80,9%.
Sede do IEMathCoincidindo co 50 aniversario destes estudos na USC, Galicia foi elixida como unha das catro sedes do Instituto Español de Matemáticas (IEMath) creado polo Ministerio de Ciencia e Innovación como unha dás accións estratéxicas do Plan Nacional de Matemáticas. A elección realizouse en competencia con outras ofertas de distintas comunidades autónomas en base a unha proposta avalada economicamente pola Dirección Xeral de I+D+i, co apoio de máis de 70 institucións de investigación de toda Galicia e unha proposta científica dun equipo promotor de dez matemáticos das tres universidades de Galicia. Trátase polo tanto, segundo o decano do centro, dun recoñecemento explícito do prestixio colectivo de toda a matemática galega, que suporá un salto cualitativo de enorme importancia, propiciando un aumento de 80 investigadores de diversas categorías, e unha interacción con outras disciplinas científicas e co sector produtivo.