A Facultade de Psicoloxía analiza a situación dos menores como vítimas da violencia de xénero
A xornada ‘Os/as menores como vítimas na violencia de xénero’ contou este venres cun panel de expertos e expertas que abordaron a identificación, análise e mellora das boas prácticas na atención a menores expostos á violencia de xénero. O encontro contou coa presenza da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.
A xornada deu comezo cunha sesión plenaria da reunión de traballo interdisciplinar na que tomaron parte ao redor de setenta especialistas e profesionais de distintos ámbitos como son o xurídico, social, sanitario, educativo, ou as forzas e corpos de Seguridade. O encontro contou cunha ampla representación de profesionais, entidades e institucións centradas neste eido.
Organizado pola Unidade de Psicoloxía Forense da USC, este foro impúlsase ao abeiro dun convenio de colaboración coa Consellería de Presidencia, e de Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia para o desenvolvemento de Medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero 2019 (Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade), en colaboración co grupo PS1 da Universidade de Vigo.