A Facultade de Veterinaria acollerá o 15 e 16 de marzo unhas xornadas sobre terapias alternativas en gandería
A Facultade de Veterinaria do campus de Lugo acubillará os vindeiros días 15 e 16 de marzo unhas xornadas sobre terapias alternativas na gandería, un foro no que preto dunha decena de profesionais veterinarios e gandeiros analizarán so beneficios que pode reportar para o gando o uso da medicina natural, así como doutras terapias menos xeneralizadas tales como son a homeopatía, acupuntura, quiropráctica ou mesmo a etnoveterinaria, segundo sinalaron a profesora do Departamento de Patoloxía Animal da Universidade de Santiago Marta López Alonso e o xerente da empresa Xestión Agrogandeira e Natureza (Xan Galicia), Xan Pouliquen, na presentación deste seminario.
O obxectivo destas xornadas é dar a coñecer terapias alternativas como a fitoterapia, quiropráctica, acupuntura ou, entre outras, a etnoveterinaria, no control sanitario animal para asentar así a súa lexitimidade no sector gandeiro e no exercicio profesional veterinario en xeral. A aplicación destas pautas ten especial interese, segundo subliñaron os organizadores destas xornadas, nos sistemas de produción ecolóxicos, nos que as limitacións impostas pola lexislación europea limita a presenza de concentrados nas racións alimenticias e restrinxe o uso de tratamentos veterinarios alopáticos. Este tipo de condicionantes específicos fai necesario dispor de ferramentas adicionais para mellorar a nutrición e o estado de saúde animal, para garantir así o seu benestar e manter un nivel de produción aceptable. Os organizadores destas xornadas salientan asemade que o uso de terapias alternativas non se limita á produción ecolóxica, senón que estas prácticas tamén se poden aplicar con eficacia en explotacións gandeiras convencionais e intensivas, sendo especialmente relevantes nos casos que substitúen fármacos alopáticos con períodos de supresión. Programa das xornadas O veterinario homeópata ribadense Juan Luis Amor Fernández abrirá a quenda de relatorios destas xornadas cunha intervención baixo o título ‘O natural e a menciña natural veterinaria no século XXI’. A presidenta da Sociedade Española de Homeopatía Veterinaria, Coral Mateo Sánchez, falará, de seguido, sobre a homeopatía na granxa. A experiencia da gandería de leite ecolóxico que rexenta o melidense Manuel Ramos Garea e un relatorio sobre acupuntura e quiropráctica, a cargo da responsable de Acupuntura, Terapia Física e Quiropráctica Animal de Integralvet, Nuria Otero Queijas, completan o programa da primeira xornada deste foro sobre terapias alternativas en gandería. A profesora do Departamento de Patoloxía Animal da USC, Marta López Alonso, abrirá a quenda de intervencións prevista para o 16 de marzo cun relatorio sobre a saúde animal en sistemas ecolóxicos comezando pola nutrición. A fitoterapia na gandería ecolóxica será o eixo da exposición do académico veterinario Carmelo García Romero, a quen sucederá no uso da palabra o veterinario homeópata e osteópata francés Bruno Giboudeau, que afondará nas vantaxes da homeopatía na práctica veterinaria. Un relatorio sobre a etnoveterinaria, da man de José Ignacio Regueiro Castro, servirá de epílogo a unhas xornadas específicas que rematarán coa presentación das conclusións e a entrega de certificados aos asistentes. As xornadas Terapias alternativas en gandería, organizadas pola Facultade de Veterinaria da USC en colaboración coa empresa Xestión Agrogandeira e Natureza (Xan Galicia), están estruturadas en 16 horas presenciais e van dirixidas a veterinarios e demais profesionais relacionados coa produción gandeira, así como ao propio estudantado matriculado na Universidade de Santiago. Prazo de inscrición O prazo de inscrición nestas xornadas permanecerá aberto ata o 11 de marzo e o prezo da matrícula e de 40 euros, unha tarifa que inclúe todo o material do curso e que se verá reducida a 30 euros para os que formalicen a súa inscrición antes do 1 de marzo. Os interesados en asistir a esta actividade formativa deben aboar as taxas de matrícula na conta de Caixa Rural Galega 3070-0029-38-6099399526 e remitir posteriormente o xustificante de pago ou copia, xunto cos datos persoais, á sede do Departamento de Patoloxía Animal, cuxo enderezo postal é Facultade de Veterinaria, 27002. Lugo, ou a través do correo electrónico terapias.alternativas.gando [at] usc.es (terapias[dot]alternativas[dot]gando[at]usc[dot]es).
As xornadas ‘Terapias alternativas en gandería’ teñen recoñecido un crédito de libre configuración para o estudantado da USC. Os alumnos/as que o soliciten, para completar as 30 horas que son necesarias para obter o crédito, deberán asistir aos distintos relatorios e logo presentar unha proposta de aplicación de alomenos unha terapia alternativa nun sistema de produción gandeiro. Este traballo, cuxa extensión será de entre 200 e 500 palabras, haberá que envialo antes do 31 de marzo de 2013 ao enderezo electrónico terapias.alternativas.gando [at] usc.es (terapias[dot]alternativas[dot]gando[at]usc[dot]es).