A Facultade de Veterinaria celebra este sábado o acto de licenciatura da vixésima quinta promoción de titulados
A Facultade de Veterinaria do campus de Lugo acubillará o sábado 6 de abril, o acto de licenciatura da súa vixésima quinta promoción de titulados. Esta cerimonia, que estará presidida polo reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares, e á que tamén asistirá o secretario xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, José Díez de Castro; o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e a vicedecana de Veterinaria, Marta Miranda, desenvolverase a partir das 11.00 horas no salón de actos ‘Enrique Antonio González García’ da Facultade de Veterinaria. O tenente de alcalde do Concello de Lugo, Luis Álvarez, e a deputada delegada de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, Regina Polín, serán outras das autoridades políticas presentes.
A profesora do Departamento de Patoloxía Animal da USC, Cristina Castillo, será a encargada de ofrecer a conferencia do acto nunha intervención titulada ‘El Quijote baixo o prisma veterinario’. Os máis de 90 alumnos de Veterinaria inscritos para tomar parte nesta celebración académica recibirán cadanseu xuramento do médico veterinario da man do presidente do Colexio Oficial de Veterinarios de A Coruña, Xosé Uxío Rey Fernández. O reitor da Universidade de Santiago será o encargado de pechar o acto, no marco do que os alumnos da promoción 2008-13 recibirán como agasallo da Facultade de Veterinaria o libro conmemorativo do vixésimo quinto aniversario do centro universitario. Ao remate das intervencións, os asistentes a este acto de licenciatura poderán compartir un viño de honra na entrada do auditorio da propia facultade.