Ir o contido principal

A Facultade de Veterinaria de Lugo organiza o seu primeiro curso sobre conservación da fauna silvestre

Veterinarios, biólogos, enxeñeiros e especialistas en medio natural do ámbito público e privado farán as súas achegas no encontro

A Facultade de Veterinaria de Lugo organiza entre os días 13 e 15 de abril o seu primeiro curso sobre conservación da fauna silvestre. O encontro terá lugar no salón de actos do centro, onde está prevista a asistencia de arredor de 200 participantes, a maioría deles alumnos da propia Facultade de Veterinaria, pero tamén da Escola Politécnica Superior de Lugo e da Facultade de Bioloxía de Santiago, así como profesionais que desenvolven a súa actividade neste sector.

Entre os relatores do curso están profesores da Facultade de Veterinaria da USC, así coma docentes doutras universidades españolas, entre elas Cáceres e Estremadura, onde se imparten materias específicas sobre fauna salvaxe dentro da titulación. Así mesmo, o curso con coa presenza do profesor italiano Luigi Esposito, procedente de Universidade Federico II de Nápoles e un dos principais expertos neste ámbito a nivel internacional.

O cadro de relatores complétase con especialistas en bioloxía e enxeñaría, ademais de responsables de entidades públicas e privadas relacionadas coa defensa e coidados da fauna salvaxe: “O obxectivo é facer unha achega o máis ampla posible a esta área da veterinaria, unha das que menos espazo reciben dentro do currículo da titulación, malia ser un aspecto de grande atractivo e suscitar un enorme interese, como se desprende da cantidade de matriculados nesta primeira edición do curso”, explica Ana María López Beceiro, profesora da Facultade de Veterinaria e directora da actividade.

Os aspectos que se tratarán no curso van desde a problemática específica en especies como o xabaril, o raposo, a perdiz ou a lebre, ata a análise da normativa de referencia para o protección da fauna, o control de enfermidades, as mortalidade provocada por envelenamento, os accidentes de tráfico provocados por atropelo de animais ou o traballo desenvolvido en zoolóxicos e centros de conservación da especies silvestres.

O acto inaugural terá lugar o venres 13 ás 16.00 horas, e contará coa presenza do vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; a decana da Facultade de Veterinaria, Ana María Bravo del Moral; o xerente do parque zoolóxico Avifauna, Remigio Sánchez; e a deputada delegada de Medio Ambiente na Deputación de Lugo, Sonsoles López Izquierdo, ademais da directora do curso, Ana María López.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.04.2012.