Ir o contido principal

A Facultade de Veterinaria recibe este venres o IX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

O acto estará presidido pola ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa

A cerimonia de entrega do IX Premio Aresa de Desenvolvemento Rural celebrarase mañá venres, 23 de xaneiro, ás 20:00 horas no Auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. A decana do centro, Ana Bravo del Moral, será a encargada de recibir no nome da institución académica o galardón co que se distingue o labor da facultade no eido da mellora do benestar das persoas do medio rural.
A ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño, Elena Espinosa, presidirá a entrega acompañada polo reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, e o presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras. Na cerimonia tamén estarán presentes o resto dos membros do xurado desta novena edición, o reitor da Universidade de Córdoba, José Manuel Roldán; o presidente da Asociación Comercial Española de Fertilizantes, Juan Pardo; e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero.
O acto de entrega do premio, que promove a Universidade de Santiago e o grupo empresarial Aresa, contará na súa novena edición co recoñecido experto en produción vexetal e catedrático de Fitotecnia da Universidade Politécnica de Madrid, Pedro Urbano Terrón, que exporá as principais medidas a tomar para responder á crecente demanda de alimentos sen degradar os agrosistemas. Como encargado da conferencia maxistral ‘A produción de alimentos na agricultura sostible e ecolóxica’, Urbano explicará as pautas a seguir para garantir a seguridade alimentaria nos vindeiros anos, ante a necesidade de incrementar a produción de alimentos, que a FAO estima será necesario duplicar para o ano 2050.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.01.2009.