A Facultade de Xeografía e Historia solicita declarar BIC a colección de ourivería de Álvaro Gil
A Xunta da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, presidida polo decano Juan Monterroso Montero, acordou este venres solicitar a incoación do oportuno expediente para a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) a favor da colección de ourivería de Álvaro Gil Varela, actualmente depositada no Museo Provincial de Lugo.
Esta colección de ourivería de Álavaro Gil está composta por algo máis de 40 pezas de ouro prehistóricas e protohistóricas (torques, brazaletes ,arracadas, etc) achadas en Galicia entre finais do século XIX e principios do século XX. Estas pezas, segundo informa a Xunta da Facultade de Xeografía e Historia da USC, pertenceron a unha colección formada por Ricardo Blanco-Cicerón que posteriormente adquiriría Álvaro Gil, xunto con outras pezas de notable interese, como o son o torques de Burela, o de Viveiro o de Riotorto, ou o carneiro de Ribadeo. Álvaro Gil depositaría no ano 1974 esta prezada colección de ourivería no Museo Provincial de Lugo, onde se atopan na actualidade. A importancia deste conxunto de pezas de ourivería vén avalada non só polo valor e peso do material, senón polas depuradas técnicas empregadas na elaboración das pezas e na riquísima ornamentación que posúen, salienta nun comunicado a Xunta da Facultade de Xeografía e Historia. No seu escrito, tamén deixa constancia de que a excepcionalidade desta mostra da ourivería galega non pasou desapercibida polos investigadores, como o demostra o feito de que hoxe en día figuren nos mellores estudos feitos tanto en España como no estranxeiro sobre a produción artística prerromana, sendo consideradas obras de referencia. Logo dos argumentos expostos, a Xunta da Facultade de Xeografía e Historia da USC coida oportuno que se proceda a incoar o expediente de declaración de Ben de Interese Cultural para a colección de ourivería propiedade dos herdeiros de Álvaro Gil que se garda na denominada Sala do Tesouro do Museo de Lugo, a fin de que gocen da máxima protección e tutela e que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación.
A declaración como BIC da colección de ourivería de Álvaro Gil obrigaría tamén aos propietarios destas pezas a conservalas, coidalas e protexelas debidamente para asegurar a súa integridade e evitar a súa perda, destrución ou deterioro, unhas encomendas que tamén afectan aos poderes públicos en aras ao enriquecemento do patrimonio cultural de Galicia.