Ir o contido principal

As facultades Ciencias e Humanidades celebran este venres os actos de fin de grao das novas promocións de titulados

As facultades de Ciencias e de Humanidades do campus de Lugo da USC celebran este venres 14 de xuño actos de fin de grao das promocións das promocións de estudantes que completaron a formación das titulacións de grao en Nutrición Humana e Dietética, Lingua e Literatura Españolas e Ciencias da Cultura e Difusión Cultural ao longo dos últimos catro anos.

Facultade de Humanidades

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, presidirá o acto de graduación das promocións 2015-10 das titulacións en Lingua e Literatura Españolas e Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, no marco dunha sesión que se desenvolverá a partir das 18.30 horas, no salón de actos do centro universitario lugués.

A decana da Facultade de Humanidades da USC, María Isabel González Rey; o concelleiro do Concello de Lugo, Daniel Piñeiro; a deputada provincial Sonsoles López Izquierdo; e as profesoras da USC Amparo de Juan Bolufer e Beatriz Fernández Herrero, que actuarán como madriñas das novas promocións de Lingua e Literatura Españolas e Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, respectivamente, tamén participarán neste acto académico, na que Eugenia Vázquez Pereira, Laura Pérez Fernández e Ana Belén Pérez Gesteiro tamén intervirán en representación do alumnado.

Facultade de Ciencias

A Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC celebrará este venres 14 de xuño, a partir das 19.30 horas, no salón de actos José Rodríguez Mourelo, o acto de graduación da sexta promoción da titulación en Nutrición Humana e Dietética formada na USC. A profesora Elvira López Mosquera, adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación, presidirá esta cerimonia académica.

O decano da Facultade de Ciencias da USC, Francisco Fraga López; o concelleiro do Concello de Lugo Manuel Núñez; o coordinador do grao en Nutrición Humana e Dietética, Jesús Antonio Casabiell Pintos, e o presidente do Colexio Oficial de Dietistas-Nutricionistas de Galicia, José Antonio López Gómez, tamén intervirán no acto de imposición de becas e insignias aos novos graduados e graduadas. Marina Perejón García e Laura Gil Prado intervirán na sesión en representación da promoción de estudantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2019.