As Facultades de Filoloxía e Veterinaria da USC, recoñecidas no Día Mundial do Doador de Sangue
As Facultades de Filoloxía e de Veterinaria da USC así como unha iniciativa de Aprendizaxe e Servizo (ApS) desenvolvida con Enfermería e Ciencias da Educación viron premiado o seu compromiso no Día Mundial do Doador de Sangue pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e a Consellaría de Sanidade.
O acto de entrega, que presidiu o conselleiro Jesús Vázquez Almuiña, tivo lugar este venres na Cidade da Cultura e a el, ademais da directora da ADOS Marisa López García, asistiron representantes de todos os concellos, colectivos e particulares recoñecidos.
No ámbito educativo, xunto con Veterinaria e Filoloxía foron tamén premiadas polo seu destacado compromiso a prol da doazón de sangue a Facultade de Economía e Empresa da Coruña, a Escola Politécnica Superior de Ferrol, a Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, a de Belas Artes e a Escola de Restauración de Pontevedra e a Escola de Enxeñería Industrial de Vigo.
Os centros de ensino non universitario distinguidos hoxe foron o CIFP Compostela (Santiago), IES María Sarmiento (Viveiro), CIFP Portovello (Ourense) e o IES Manuel Antonio (Vigo). Tamén dentro do ámbito educativo, premiouse a campaña espontánea de sensibilización a prol da doazón de sangue impulsada polos estudantes do centro escolar Maristas El Pilar de Vigo.