Ir o contido principal

Unha nova Faísca Cultural prende a reflexión sobre a sociedade do espectáculo e a construción de identidades

Imaxe da obra Os actos e as profecías
Imaxe da obra Os actos e as profecías
Nesta ocasión participará alumnado de Ciencias da Comunicación e de Psicoloxía, empregando como fío a última produción do Centro Dramático Galego

O puxante fenómeno audiovisual dos talent shows e como este afecta á construción da nova sociedade será o punto de partida dunha nova reflexión das Faíscas Culturais da USC. Facendo un xogo de palabras con este xénero televisivo e apoiadas na última obra teatral de Tamara Canosa, coa que o Centro Dramático Galego (CDG) celebra o seu 40 aniversario, as facultades de Ciencias da Comunicación e de Psicoloxía desenvolven a vindeira semana a Faísca ‘Os actos e as profecías. Talent vs Show’ coa que reflexionarán sobre a dicotomía ou o encontro entre o talento e o espectáculo e como conseguir que o concepto de talent show sexa algo útil que sirva para construír unha cidadanía diferente.

Con ese reto o luns 15 comezará unha nova Faísca Cultural, enmarcada na Primavera Cultural da USC, que xuntará alumnado e docentes na Facultade de Ciencias da Comunicación para debater ata o 16 sobre o tema ‘Performance, show e sociedade do coñecemento’. A Faísca trasladarase o día 18 de abril ao Salón Teatro para desenvolver unha nova sesión co alumnado de Psicoloxía, titulada ‘As identidades tras a máscara: unha análise psicosocial entre bambalinas’. É precisamente nese teatro onde se representa a obra Os actos e as profecías, de Xacio Baño e Tamara Canosa, con dirección desta última, e que serve de guía do debate que se formulará a vindeira semana na USC. Non en van, o alumnado da USC asiste esta semana aos ensaios da obra, que se estrea este xoves 11.

Os actos e as profecías
A obra Os actos e as profecías inventa un universo arredor dos talent shows como espazo de xogo para lanzar ao aire elementos como o lugar do público na creación hoxe en día, a fama, a competición e as decisións vitais marcadas pola procura do éxito.

Tal e como explica Canosa, “o mundo dos chamados talents shows, espectáculos televisivos que combinan telerrealidade e concursos de talentos, conteñen moitas fendas vitais con potencialidade para amosar os puntos de fricción entre a vida e os soños, entre a vida desexada, soñada, idealizada, e o presente. A necesidade de ser, de amosarse, de gañar, de triunfar. As urxencias da vida, dos coidados, as dificultades etc. A confrontación, en definitiva, dos soños propios co contorno. Mais no fulgor televisivo atopamos tamén unha invitación á celebración a pesar de todo.”

Faíscas Culturais
As faíscas son partículas que se desprenden dun corpo que arde. A partir deste concepto, a USC lanzou o pasado curso un novo proxecto artístico-pedagóxico co que se logrou que o “lume” das manifestacións culturais e artísticas saltase ata as aulas universitarias e prendese a través da reflexión no alumnado, inseríndose no seu currículo académico. As Faíscas, unha iniciativa da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, pretenden conectar o que a USC realiza no eido cultural e artístico co que se está estudando nas aulas.

A primeira faísca tivo lugar no curso 2022-23, 'Conversas con Shakespeare', unha colaboración entre a USC e o Centro Dramático Galego para achegar a súa nova produción Shakespeare en Roma ás aulas da USC.

Xa no 2023-24 desenvolvéronse, ata o momento, os programas de faíscas 'Saber de Nós. Unha ollada ao centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos', 'Un rastro de furia e algas. Reflexións sobre o futuro do noso planeta' e 'Manuela Rey is in da USC'. A última Faísca do presente curso académico será 'Escoitar-se antes de actuar'.

 

Cartaz da nova Faísca
Cartaz da nova Faísca
Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.04.2024.