Fallados os gañadores do Certame de Iniciación á Investigación en Física
Por terceiro ano consecutivo, a Facultade de Física organizou co financiamento do programa Diverciencia o Certame de Iniciación á Investigación en Física dirixido a estudantes de ensino secundario obrigatorio de Galicia.
Na Modalidade A, de carácter experimental, os gañadores foron os alumnos do IES Castro de Baronceli de Verín David Ginzo, Laura Pardo e Tania Alonso pola práctica ‘Estudo do poder calorífico de diferentes madeiras’, titorizada polo profesor Miguel Anxo Yebra Ferro, pola “orixinalidade e o rigor das súas presentacións”. O mesmo instituto conseguiu o segundo e o terceiro premio por traballos experimentais no campo das enerxías renovables (Eficiencia das aspas dos aeroxeradores e rendemento das cociñas solares).
Nas Modalidades de carácter literario, Alejandro Rodríguez Vázquez do IES Agra de Orzán fíxose cun primeiro premio co relato ‘La sombra de las estrellas’, mentres que os alumnos Jesús Manuel Domínguez do IES de Ribeira (biografía novelada de Joseph John Thomson) e Erea Castro Alonso (viñetas ilustradas de Newton a Galileo) do IES Sar de Santiago fixéronse con dous accésits da modalidade B, onde o primeiro premio quedou deserto.
O xurado estivo formado polos profesores Diego Cabello Ferrer, Javier Castro Paredes, José Manuel Sánchez de Santos, Luís Miguel Varela Cabo e Juan Ruso Beiras e presidido pola decana Ángeles López Agüera.