Ir o contido principal

As fases provinciais da VI Olimpíada Galega de Xeoloxía cita nos campus de Compostela e Lugo 137 estudantes de ensino medio

Participantes nas probas da VI Olimpíada Galega de Xeoloxía na Facultade de Bioloxía
Participantes nas probas da VI Olimpíada Galega de Xeoloxía na Facultade de Bioloxía
Saúl Astray, do IES Rosalía de Castro de Santiago, gaña a fase provincial da Coruña e Pablo Bugidos, do IES Ollos Grandes, é o vencedor do certame en Lugo

Un total de 137 estudantes de 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato matriculados en centros das provincias da Coruña e de Lugo participaron na Facultade de Bioloxía de Compostela e na Escola Politécnica Superior de Lugo nas probas das respectivas fases provinciais da VI Olimpíada galega de Xeoloxía. Este certame, promovido a nivel nacional pola Asociación Española para o Ensino de Ciencias da Terra (AEPCET) en colaboración coa Sociedade Española de Xeoloxía e o Colexio Oficial de Xeólogos, desenvolveu de xeito simultáneo as súas probas en Galicia nos devanditos centros da USC, así como na Facultade de Ciencias de Ourense e na Escola de Minas, en Vigo, cunha participación nas catro sedes de 278 estudantes.

O certame provincial da Coruña, na Facultade de Bioloxía da USC, congregou un total de 79 participantes. Unha vez avaliados os resultados das distintas probas celebradas, o comité acordou proclamar campión provincial a Saúl Astray Gómez, alumno de 1º de Bacharelato do IES Rosalía de Castro de Santiago. A súa compañeira de centro Marta Prieto Señarís finalizou como segunda clasificada, tanto na fase provincial como a nivel galego. No caso de Lugo, a fase provincial da VI Olimpíada Galega de Xeoloxía citou na Escola Politécnica Superior un total de 58, entre os que se proclamou gañador provincial o estudante de 1º de Bacharelato do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes Pablo Bugidos Martín. Pontevedra e Ourense A estudante de 1º de Bacharelato no IES 1º de Marzo de Baiona Sandra Pichel Rodríguez proclamouse gañadora provincial de Pontevedra. As probas da VI Olimpíada Galega de Xeoloxía desenvolvéronse na Escola de Minas de Vigo, onde se deron cita un total de 66 estudantes, unha cifra sensiblemente inferior aos 75 estudantes que tomaron parte nas probas desenvolvidas na Facultade de Ciencias de Ourense. A gañadora ourensá foi Lucía Rodríguez Vázquez, estudante de 1º de Bacharelato do IES O Couto, seguida de Raúl Pérez Torrado, alumno tamén de 1º de Bacharelato no IES A Valga, quen tamén acadou a terceira mellor cualificación no ámbito galego.

Os seis estudantes premiados constituirán a representación galega que acuda á fase española deste certame, que desenvolverá o 21 de marzo en Alacante, de onde sairá a selección que compita na fase internacional da Olimpíada de Xeoloxía, que se celebrará en Pocos de Caldas (Estado de Minas Gerais, Brasil).

Participantes e organizadores da fase provincial da VI Olimpíada de Xeoloxía na EPS de Lugo

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.02.2015.