Ir o contido principal

Unha feira virtual promoverá a empregabilidade do estudantado da USC os días 10 e 11 de maio

A feira diríxese a estudantado e egresados da USC. FOTO: Santi Alvite
A feira diríxese a estudantado e egresados da USC. FOTO: Santi Alvite
Este evento en liña diríxese tamén a persoas tituladas pola institución compostelá e permitirá, previo rexistro, o acceso a ofertas de traballo, charlas e foros para aclarar dúbidas
Lugo, Santiago de Compostela

A Feira Virtual de Emprego da USC desenvolverase do 10 ao 11 de maio coa vontade de que as persoas usuarias accedan a empresas con ofertas de traballo, charlas de interese en materia de empregabilidade e chats para aclarar dúbidas. Os e as interesadas xa poden rexistrarse na plataforma habilitada para acoller a Feira e deixar os seus datos xunto cun currículo en formato pdf. O evento diríxese tanto a estudantado da USC como a persoas xa tituladas pola institución compostelá.

A Feira abrirá o 10 de maio ás 08.00 horas e pechará un día despois, ás 20.00 horas. Ao longo das dúas xornadas as persoas rexistradas poderán presentar o seu currículo a ofertas de emprego, asistir ás charlas ofertadas na sección ‘Axenda de Conferencias’ con inscrición previa, chatear coas empresas e coas orientadoras da Área de Orientación Laboral e Emprego da USC, ou acceder a múltiple información das entidades participantes (vídeos, ligazóns ou redes sociais, entre outras).

“Na lapela de expositores, verase unha listaxe dos que están conectados e facendo clic en calquera deles, poderán atoparse os representantes desa entidade que están conectados e listos para chatear tanto polo chat público como polo privado. As persoas usuarias poden ter varias conversacións ao mesmo tempo, compartir documentos e mesmo solicitarlles unha videollamada a través do videochat integrado da plataforma”, explican dende a organización da Feira.

Unha vez rematado o evento, aínda que non estará dispoñible o chat, seguirá aberto o acceso ás ofertas de traballo, así como a presentación do currículo ata o domingo 14. As dúbidas sobre a Feira poden dirixirse ao enderezo electrónico orientacion.laboral.santiago [at] usc.es (orientacion[dot]laboral[dot]santiago[at]usc[dot]es)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.05.2023.