Ferran P. Vilar ofrece un relatorio sobre cambio climático e implicacións medioambientais en Formación do Profesorado
O enxeñeiro de Telecomunicación e xornalista científico Ferran P. Vilar, ofrecerá este mércores, a partir das 16.30 horas, no salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, o relatorio ‘Cambio climático, escaseza enerxética e implicacións mediambientais’.
A intervención do autor do blog Usted no se lo cree, a bitácora dixital galardoada en 2010 co Premio da Fundación Biodiversidade na categoría de comunicación do cambio climático e desde a que hai unha década Ferran P. Vilar divulga e comunica de forma rigurosa e multidisciplinar as conexións que vinculan o cambio climático, a escaseza enerxética e as súas implicacións científicas, políticas e sociais, encádrase no marco do ciclo ‘Ler o Mundo Hoxe... en clave de sostenibilidade ambiental’, que organiza o Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (Sepa) da USC. O seu principal obxectivo do blog de Ferran P. Vilar é trasladar á clase política en particular e ao público en xeral unha comprensión cabal do funcionamento do sistema climático da Terra, combinando o rigor científico cunha linguaxe accesible a amplas capas da poboación, non exenta de ironía e calidade literaria. Este cometido é fundamental, porque, na opinión deste divulgador científico, os medios de comunicación “son estruturalmente incapaces” de trasladar á poboación os riscos e as ameazas do cambio climático en toda a súa magnitude. Ademais do seu labor de divulgación, Ferran P. Vilar propón ‘framings’, metáforas e recomendacións para mellorar a comprensión pública do cambio climático e dos límites ao desenvolvemento humano, tal e como actualmente é concebido, impostos pola existencia nun planeta finito. Unha vez rematado o relatorio de Ferran P. Vilar, o salón de actos da Facultade de Formación do Profesorado acubillará, de 18.30 a 20.00 horas, un obradoiro sobre a pegada ecolóxica que será dinamizado por Miguel Pardellas, do Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (Sepa) da USC.
As persoas de Santiago de Compostela interesadas en asistir a este evento terán dispoñible un autobús gratuíto que partirá ás 14.45 horas desde o aparcadoiro principal do edificio da Facultade de Ciencias da Educación da USC, ubicado no Campus Vida.