O Festival Internacional de Danza 'En Pé de Pedra', na Igrexa da Universidade
A Igrexa da Universidade será esta fin de semana o escenario dunha das actuacións da XII edición do Festival Internacional de Danza En Pé de Pedra. A compañía francesa DCAM porá en escena o espectáculo ‘I Apologize’ o sábado, día 23, ás 21:00 e o domingo ás 20:00 horas.
‘I Apologize’ nace da reconstrución dun accidente a partir do que se derivan varias versións dun mesmo evento, coa intención de definir se é realidade ou fantasía. Con textos de Dennis Cooper, os poemas e monólogos escritos cuestionan a conexión real ou imaxinaria entre as personaxes e as accións que transcorren no escenario. Textos, música e posta en escena relaciónanse e evocan imaxes e emocións nas que se mesturan o erótico e o desexo sexual co crime e a morte.
Organizado por Matarile Teatro-Teatro Galán, En Pé de Pedra é un referente na danza contemporánea. Nesta edición son 24 as actuacións de nove compañías tanto nacionais coma internacionais en diferentes espazos, tanto ao aire libre coma en distintos marcos arquitectónicos da cidade que se reinterpretan para as mesmas.